O programa de charlas tecnolóxico-informais SinFiltro estréase este martes no MWC

luns, 27 de febreiro do 2023 S. P.

A edición actual do congreso Mobile World Capital Barcelona vén, entre outras novidades, cunha xornada de SinFiltro (os faladoiros informais de tecnoloxía impulsados polo galego Marcelo Castelo e CIE Tecnologías) incorporada no seu programa. Desta volta, trátase de botar luz sobre o lado máis humano de Luis Miguel Martín e Sergio Peinado, responsábeis (CIO) dos sistemas tecnolóxicos de información de Selenta Group e de Correos, respectivamente. A cita será este 28 de febreiro ás 11.00 horas no espazo Beat Barcelona, con retransmisión en directo a través de LinkedIn e YouTube (na canle de Marcelo Castelo).
A primeira edición de SinFiltro no MWC Barcelona vén con formato presencial e ten o obxectivo de “desvelar a vertente máis humana de dous grandes CIOs”, que desmontarán, segundo os organizadores de SinFiltro, “a fría imaxe xeralmente asociada aos profesionais da TIC”. Farano con ironía e humor no talk show presentado polo experto en comunicación, no cal falarán de todo menos de tecnoloxía.
O programa recibe o respaldo do CCII (Consello de Colexios de Enxeñería Informática), do COEINF (Collegi Oficial d’’Enginyeria Informàtica de Catalunya), do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), do COIICV (Colexio Odicial de Enxeñería Informática da Comunitat Valenciana), do COEIIB (Colexio de Enxeñería e Informática das Illes Balears) e a da Universidade da Coruña, como iniciativa singular para mostrar a faciana menos tecnolóxica da tecnoloxía.

PUBLICIDADE