O programa Ningunha Empresa sen Web inclúe un orzamento de 1.560.000 euros

luns, 20 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O programa NEW (Ningunha Empresa sen Web) de Red.es semella que sae de bo porto. Trátase dunha iniciativa en preparación (comeza a andar definitivamente este outono) que parte dun deses obxectivos (pouco abondosos a día de hoxe) ós que dificilmente se lle pode poñer tacha, polo menos no que se refire a unha primeira vista: conseguir que as empresas do Estado español teñan presenza na Web. A iniciativa, que case seguro atopará no camiño todo tipo de atrancos (por exemplo: escaseza dos medios tecnolóxicos precisos para que os cidadáns se conecten, especialmente preocupante na nosa terra), cruza xa a liña de saída cun orzamento de 1.560.000 euros, sendo o seu obxectivo “oficial” o de “estimular ó núcleo do tecido empresarial español para que dispoña de páxina web con dominio propio”, segundo informa Red.es.
A idea é favorecer a contratación en “condicións moi favorables” de servizos de conectividade, aloxamento, dominio e correo electrónico, entre outros, grazas á colaboración con varias compañías privadas de solucións vinculadas á Rede. Cómpre sinalar que o Programa NEW enmárcase no Plan Avanza contará coa colaboración de Telefónica, Nominalia e Recol, deixándose aberta a participación doutras compañías no eido das Comunidades Autónomas.
NEW desenvólvese a través de tres liñas de actuación:
· Difusión e asesoramento sobre o Programa NEW.
· Liña telefónica de asesoramento sobre a utilidade de que as empresas estean presentes en Internet.
· Acordos de colaboración con axentes do sector TIC que ofrezan ás pemes un paquete integrado de solución web adaptado ás súas necesidades.
Na execución da terceira das liñas de actuación mencionadas (que como dixemos dará comezo a partires deste outono), Red.es ofrece ós axentes do sector TIC a posibilidade de participar no procedemento de selección dos colaboradores do Programa NEW, no que se poderán inscribir aquelas entidades que ofrezan servizos de presenza en Internet e que conten con experiencia na realización de actuacións orientadas a favorecer a presenza en Internet das compañías.
Os devanditos colaboradores que resulten seleccionados no Programa NEW, deberán ofrecer ás pemes (no marco do Programa NEW) un paquete básico de presenza en Internet por un prazo de un ano, renovable por un prazo adicional de outro ano, que polo lo menos conte con:
· Rexistro e mantemento de un nome de dominio baixo o código “.es” de segundo nivel.
· Ferramenta de creación de web cun mínimo de tres páxinas.
· Panel de control multilíngüe (castelán, linguas cooficiais de España e inglés).
· 10 caixas virtuais de correo con 100 MB de espazo por cada unha delas.
· 100 MB de espazo de disco para almacenamento da Web.
· 1 XB de transferencia mensual.
· Acceso a FTP.
· Acceso a estatísticas de uso.
· Back up diario.
· Acceso a correo por webmail.
· Acceso a correo por POP 3, IMAP4 ... (compatibles con Oulook, Eudora, Thunderbird...)
· Antispam.

PUBLICIDADE