O programa Efervescencia logrou máis de 52.000 descargas e escoitas en 2017

venres, 5 de xaneiro do 2018 Redacción

Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervescencia

Os responsábeis do programa radiofónico Efervesciencia impulsado pola Universidade de Santiago veñen de enfiar o cambio de ano facendo balance da súa actividade recentemente, moi salientábel en materia de seguimento en liña. Segundo fan saber, o programa acadou en 2017 máis de 52.000 descargas e escoitas a través da plataforma Ivoox, unha das moitas aplicacións de podcast dende a que se pode acceder a todas as emisións. Como lembraremos, Efervesciencia emítase dende hai unha década na Radio Galega e é un dos mais veteranos programas de divulgación científica da grella das radios en España.
O programa está producido pola USC e emítese todos os domingos ás 15.00 horas grazas ao financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Ao longo do pasado ano emitíronse 42 programas novos, ademais de 12 reemisións en verán. Entre eles, os seus responsábeis destacan a gala do décimo aniversario que tivo lugar o 30 de setembro no Teatro Principal de Compostela e na que interveu unha nutrida representación dos mais de mil investigadores que pasaron polos seus micrófonos, como Ángel Carracedo, José Edelstein, Minia Manteiga, Ana Ulla ou Fernando Aguado. Tamén destacan a gala Stat Wars: O espertar dos datos, que anunciamos en Código Cero o pasado mes de novembro e que conseguiu, finalmente, a participación de case medio milleiro de cativos de toda a nosa xeografía.

PUBLICIDADE