O programa Autónomos Dixitais achegará formación innovadora a 1.200 persoas

martes, 12 de maio do 2020 S. P.

O Goberno galego puxo en marcha unha iniciativa innovadora para combater a crise económica derivada da COVID-19 con formación e innovadora para un dos colectivos que máis está a sufrir as consecuencias do parón económico: os autónomos. O programa Autónomos Dixitais busca “reforzar o tecido produtivo galego formando a 1.200 persoas en comercio electrónico e novas canles online coa finalidade de mellorar a comunicación cos clientes e o coñecemento dos seus produtos e servizos”.
A medida, que xa foi presentada ás asociacións de autónomos máis representativas en Galicia (Agtamar-UPTA, APE e ATA), enmárcase nas accións que o Goberno galego está deseñando dento do Plan de reactivación económica e complementa tanto as axudas para compra de equipamento dixital como os servizos para facilitar as ferramentas necesarias para impulsar un cambio de tendencia no colectivo autónomo.
O programa ofrecerá dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, a mercadotecnia, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, trátase das actvidades Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.
As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza até o 22 de xullo cubrindo un formulario web na nova páxina www.autonomosdixitais.com. Os cursos iniciaranse todos os xoves a partir do 21 de maio e o último comezará o 23 de xullo.

PUBLICIDADE