O profesorado galego terá máis formación dixital
mércores, 5 de xullo do 2017
- Presentación do novo plan de formación celebrada este 5 de xuño na Cidade da Cultura
Dun tempo a esta parte as entidades
ligadas ao dixital e ao educativo (institucións públicas,
asociacións profesionais e mesmo empresas) están a intensificar o
labor formativo TIC entre as novas xeracións. Este traballo quérese
(e débese) prolongar e optimizar cunha estratexia docente análoga e
complementaria entre o profesorado. En
base a isto, a Consellería de Cultura e Educación vén de elaborar
un Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18
especialmente centrado na educación TIC. A intención é “dar
resposta aos novos retos e oportunidades que se propoñen no sistema
educativo galego”. Isto compleméntase coa futura Estratexia galega
de educación dixital 2020.
Que implica todo isto? Pois, entre
outras cousas, que se introducen as iniciativas formativas no ámbito
STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas
ás materias de libre configuración autonómica como Programación,
Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o
curso que vén.
Ademais destas liñas de acción
específicas, o Plan fará fincapé na formación en igualdade,
convivencia e inclusión coa “intención de que todo o profesorado
teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas
materias”. Ademais, traballarase no desenvolvemento das Escolas
de nais e pais (entendidas como “unha ferramenta esencial para
favorecer a participación das familias na educación”).
Segundo a Consellería, o Plan anual
funcionará como “unha folla de ruta para todos os docentes galegos
que queiran ampliar a súa formación continua, partindo da base de
que todo o que se faga por mellorar a formación dos nosos profesores
repercute directamente no alumnado e, en consecuencia, na sociedade
en xeral”.