O profesorado galego conta cunha nova plataforma social: Redeiras

martes, 10 de abril do 2012 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de crear Redeiras, unha rede social para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa. Deste xeito créase unha rede social de carácter profesional dirixida ao profesorado dos centros educativos públicos de Galicia, proporcionándolle un espazo de encontro, comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades, iniciativas, etc.
Trátase dun proxecto desenvolvido por Asesores Abalar, fundamentado en tecnoloxías baseadas en software libre (ELGG e LAMP), que toma como base o núcleo da ferramenta de software libre ELGG para crear unha nova rede social integrada no sistema corporativo de autenticación de usuarios da Consellería que incorpora módulos e funcionalidades de seu.
Así mesmo, Redeiras ofrece todas as funcionalidades propias de calquera outra rede social, como son a creación de espazos privados e individuais, a creación de espazos de grupo e creación de grupos por intereses comúns, o intercambio de ficheiros, a publicación de contidos personalizados ou de grupo, a posibilidade de compartir ficheiros e documentos, a creación de documentos colaborativos en liña, o intercambio de marcadores de internet, a publicación de contidos multimedia (imaxe, vídeo e son), un servizo de mensaxería interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc.
A nova rede social nace con expectativas dun crecemento continuo, tanto no número de usuarios como no número de funcionalidades, contemplando a posibilidade de futuras incorporacións de novos servizos e melloras nesta plataforma.
O proxecto Redeiras súmase así ao conxunto de ferramentas da web 2.0 que actualmente ofrece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á comunidade educativa.

PUBLICIDADE