O profesor Íñigo Cuíñas preséntase para dirixir a ETSE de Telecomunicación a partir do 4 de marzo

martes, 24 de febreiro do 2015 Redacción

A ETSE de Telecomunicación elixe directora ou director o vindeiro 4 de marzo, logo das dúas lexislaturas de Edita de Lorenzo, quen se puxo á fronte da escola o 26 de febreiro de 2009, converténdose na primeira muller cun cargo de máxima responsabilidade nunha das nosas escolas de enxeñaría. Precisamente con Edita de Lorenzo como directora, no seu equipo e como subdirector de Novas Titulacións, traballou o que até o de agora é o único candidato para as eleccións do vindeiro 4 de marzo, o profesor Íñigo Cuíñas. A súa proposta é a dunha “continuidade natural do traballo desenvolvido ao longo dos seis anos previos”.
O equipo que acompaña a Cuíñas nesta candidatura está composto por Enrique Costa, Francisco Javier Díaz, Manuel Fernández, Loreto Rodríguez e Miguel Ángel Dominguez, este último o único que, xunto con Cuíñas, repite respecto ao equipo anterior, no que era secretario do centro.
Segundo informa a Universidade de Vigo, este luns celebrouse a proclamación provisional de candidatos, que se tornará definitiva o xoves, tras dúas xornadas para a presentación de reclamacións. Íñigo Cuíñas aposta na súa candidatura por continuar coa liñas marcadas até o de agora polo centro “pero tamén por sacar adiante novos proxectos que por falta de tempo” non se puideron desenvolver”. Ao fío disto, propón intensificar as políticas de captación de estudantes, sobre todo para os mestrados, intensificar a cooperación co tecido empresarial e apostar polos dobres títulos con centros estranxeiros, para que xa existen tres potenciais colaboracións.
Polo que atinxe a Edita de Lorenzo, deixa a dirección despois das dúas lexislaturas (o máximo estipulado polos regulamentos) e faino “moi satisfeita e moi agradecida”, sobre todo ao seu equipo, porque “tiven a sorte de traballar con xente disposta e entregada”, sinala. Ao seu xuízo, a súa experiencia á fronte da escola foi unha “oportunidade persoal, como docente e como muller, e un reto do que aprendín moito”. De Lorenzo salienta o proceso de internacionalización que se abriu no centro, tanto a través de mobilidade de estudantes, PAS e PDI, como de prácticas no estranxeiro e a docencia en inglés. De feito, xa se imparten nesta lingua dúas especialidades do mestrado e o proxecto fin de máster para todas as especialidades.

PUBLICIDADE