O primeiro vehículo autónomo de Compostela entra na súa recta final

xoves, 15 de setembro do 2022 Redacción

O primeiro vehículo autónomo de Santiago, desenvolto no marco do proxecto do Concello de Santiago SMARTIAGO, entra na súa fase final da man de Vodafone, compañía adxudicataria da iniciativa, que está a desenvolver un Living Lab de loxística de última milla, que contará con dous vehículos eléctricos autónomos para o seu desenvolvemento. O vehículo foi presentado esta mañá nun acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro do Turismo, Sindo Guinarte, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, e o director territorial para a zona Norte de Vodafone España, Francisco Vallejo.
Entre os obxectivos do proxecto, dotado dun investimento de 662.970,00 euros, atópanse o de mellorar o transporte de mercadorías no centro da cidade e o de reducir as emisións contaminantes. Así mesmo, a iniciativa contará cun Living Lab, un espazo vivo desenvolvido por Vodafone para asesorar a emprendedores e empresas no uso da plataforma e sobre a súa participación na mesma.

Vindeiros pasos

Durante os próximos meses comezará o proceso de cartografado dixital de distintas zonas do centro histórico de Santiago permitindo, non só a condución autónoma do vehículo, senón tamén facilitando aos participantes do Living Lab eses mapas para o seu uso noutros vehículos autónomos que pretendan circular pola cidade. Así mesmo, realizaranse diversas probas, como a repartición autónoma de mercadorías no interior do centro histórico ou o cartografado do subsolo, identificando infraestruturas da cidade co uso dun Georradar.
O vehículo, con capacidade de condución autónoma, está dotado con sensores LIDAR e cámara para recoñecer o que sucede ao seu ao redor. Ademais, dispón dun sistema de comunicacións que permite a súa monitorización e a comunicación con outras infraestruturas da cidade.
No desenvolvemento do proxecto contouse coa colaboración da Universidade de Deusto e da empresa biscaíña Phebus SL. As primeiras probas realizáronse en Barakaldo, Biscaia, onde o vehículo realizou con éxito un mapeado preliminar da zona circundante e realizou un percorrido de forma autónoma.

PUBLICIDADE