O primeiro Hackathon DESTInno premiou tres contribucións galegas ao turismo smart
martes, 16 de abril do 2019
O
proxecto galego Desafío Domingo Fontán, videoxogo de turismo que
consiste en achegar unha serie de retos aos visitantes que estes
deberán ir superando para recibir premios, recibiu
os días pasados o recoñecemento do primeiro Hackathon DESTInno,
desenvolvido (no marco das segundas Xornadas TuristTIC de Pontevedra)
co obxectivo de distinguir as mellores solucións tecnolóxicas que
nos promovan e impulsen no mundo. Amais, as aplicacións Niiru e
Rondar leváronse o segundo e o terceiro premio nunhas xornadas que
converteron o Verbum de Vigo en referente galego, estatal e europeo
do turismo intelixente.
Os
galardóns foron entregados polo presidente do Clúster de Turismo de
Galicia, Cesáreo González, polo presidente do Clúster TIC Galicia,
Antonio Rodríguez e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao
delegado da Zona Franca, David Regades e a presidenta da Deputación
de Pontevedra, entidade organizadora de TurisTIC. Carmela Silva
felicitou aos gañadores, pero tamén ao resto dos 28 proxectos que
competiron neste primeiro Hackathon e que, nas súas palabras, “veñen
a demostrar o enorme talento que hai nesta provincia”.
Como
dixemos, o primeiro premio de Hackathon DESTIno, que duplicou a cifra
de participación prevista, foi para o proxecto Desafío Domingo
Fontán no que participaron Celso Gómez Corbal, Luis Eduardo Castro
Rodríguez e Jarold Meléndez Lugo. Esta aplicación achega retos
ligados a recursos turísticos, a xeito de probas que cómpre
superar, co fin de recibir premios e acceder a novos recursos e
informacións. Segundo se fixo saber, trátase dunha aplicación
dinamizada socialmente, de maneira que a través dela é posíbel
desafiar a outras persoas usuarias no marco dos diferentes retos
temáticos que propón.
Pola
súa banda o segundo premio recaeu no proxecto Niiru, no que
participaron Óscar Casal Rodríguez, Alejandro Martínez, Carlos
Rodríguez López e José Gadea Santos. A tecnoloxía consiste nunha
aplicación baseada en información masiva (Big Data) que
recompila todos os intereses que xorden á hora de planificar unha
viaxe e propoñen rutas acordes a eses intereses.
Finalmente,
o terceiro premio foi para Rondar cunha proposta deseñada por
Beatriz Gil, Daniel Rodríguez, María Rodriguez e Elena Jiménez.
Rondar, segundo salientou o xurado, destaca por ser unha ferramenta
centrada no target específico das persoas maiores de 55 anos,
os senior-millennials, co obxectivo de incluílas nunha
proposta de turismo intelixente centrada na planificación de rutas e
de propostas gastronómicas.