O presidente do Senado di que a Rede é “un niño de mentireiros"

luns, 29 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

O presidente do Senado español vén de sumarse ás fileiras de cantos ollan a Internet con desconfianza (informativos de cadeas de televisión que a sitúan perante o mundo como o novo club social da pederastia, directivos de discográficas que a ven como un niño de piratas, xornalistas da vella escola que falan dela coma un convite mundial ó plaxio), poñéndose deste xeito a contrapelo do que en teoría propugna o seu grupo político (o socialista) a través do Plan Avanza: o afianzamento do uso das Redes. Máis polo miúdo, Javier Rojo resumiu a cuestión do universo en liña coa seguinte frase: “A Rede é un niño de mentireiros”.
Segundo vemos en Mangas Verdes, o arrebato de carraxe do presidente da Cámara Alta tivo lugar os días pasados durante a clausura do segundo Congreso Mundial de Axencias de Noticias, onde deu a atender que Internet é hoxe en día máis un medio de comunicación ca unha plataforma tecnolóxica en si mesma, e que antes da súa posta en marcha apenas se podía falar de sensacionalismo e de falta de rigorosidade na redacción de novas, reportaxes e artigos diversos.
Ó seu xuízo, corren tempos apaixonantes para a información, pero tamén para a desinformación, a confusión e a manipulación. A culpa de todo isto, como dixemos, semella tela Internet: “O uso xeralizado da Rede permitiu unha nova e potente canle de información, que non en poucas ocasións incumpre o deber de ofrecer informacións veraces e contrastadas”.
Imaxe vista en Todopolitica.com.

PUBLICIDADE