O presidente do CPEIG informa este xoves de métodos útiles para facer máis seguras as navegacións dos nosos fillos

mércores, 24 de abril do 2013 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, dará unha charla mañá xoves sobre o potencial de risco (debido sobre todo a un mal uso e/ou a unha mala supervisión) das ferramentas tecnolóxicas entre as novas xeracións. Sobre todo no que se refire a cuestións como o ciberacoso ou as adiccións dixitais, entre outras prácticas. O relatorio, que se desenvolve baixo o título de Redes sociais, necesidade de educación nunha nova contorna, celébrase a partir das sete da tarde na sede do local sociocultural do Casco Vello, en Santiago de Compostela (rúa de Santa Cristina número 22). A Asociación Cultural San Martiño Pinario organiza a charla, dirixida sobre todo a nais e pais preocupados polo uso que os seus fillos e fillas realizan das redes sociais.
Lembrar que o CPEIG non é unha entidade acabada de chegar ao ámbito da normalización dun emprego axeitado das novas ferramentas tecnolóxicas. De feito, ten no seu haber o deseño, en colaboración coa Xunta, do programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, que xa vai pola cuarta edición. Ao seu abeiro, especialistas do colexio achéganse a centros educativos de toda Galicia para impartir charlas divulgativas de unha hora de duración nas que lles ensinan aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable, coa implicación tamén do profesorado. Ademais, as sesión divulgativas están apoiadas por Guías de Boas Prácticas dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e profesorado, que se poden descargar en formato electrónico, e de balde, da web navegaconrumbo.es, onde tamén hai xogos e ligazóns dispoñibles sobre a temática do programa.

PUBLICIDADE