O presidente de Blusens protagonizará un docu-reality en Antena 3

xoves, 18 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

José Ramón García amosando produtos da súa empresa

Antena 3 anunciou que a nova entrega do seu programa de televisión El Secreto, terá coma protagonista a José Ramón García, presidente de empresa de electrónica de consumo Blusens, de xeito que o vindeiro domingo este curioso docu-reality no que empresarios de éxito conviven durante unha semana con persoas sen recursos terá un certo aire galego.
José Ramón García trasladouse á illa de Tenerife de incógnito con excluídos, desempregados e nenos discapacitados, o que descubriulle auténticos currunchos de miseria e carencias básicas que o levaron a realizar importantes doazóns que superan os 140.000 euros.
Esta nova entrega de El Secreto serve tamén para amosar a amarga realidade de milleiros de habitantes das Canarias, que é unha das comunidades autónomas onde o paro está a ter maior incidencia.
García tivo as súas dúbidas para participar neste proxecto, e recoñeceu a El Correo Gallego que «dende Blusens sempre axudamos, pero sen publicalo por aí. Por iso tiña medo, pero cando ves o efecto que provoca este programa xa che dá igual».

PUBLICIDADE