O presidente da FSFE pensa que Facebook decaerá como MySpace

luns, 29 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Durante a celebración da 21ª edición da Euskal Encounter tivo lugar unha conferencia impartida polo presidente da división europea da Free Software Foundation, Karsten Gerloff, baixo o título de ¿Vigilados por las benditas máquinas?, que converteuse nun dos momentos máis destacables do evento por mor das polémicas declaracións de Gerloff, que arremeteu contra as grandes compañías da Internet, ás que acusou de colaborar cos servizos segredos achegándolles a nosa información e ás que vaticina un curto futuro.
Concretamente Gerloff pensa que “Microsoft desaparecerá en cinco ou dez anos” e no que respecta a Facebook asegura que cando “vaia costa abaixo, será moi rápido” engadindo que “a Facebook doulle 3 anos. É unha lei matemática. Pasou con MySpace e sei que volverá pasar”. Incluso pon en dúbida o futuro de Google, compañía que asegura que se “quere sobrevivir a longo prazo, terá que reinvintarse”.
Estas declaracións non deixan de ser unha opinión persoal que pouco parecen ter que ver coa realidade, pois non parecen estar fundamentadas en ningún principio económico pero, especialmente no caso de Facebook, chama a un interesante debate sobre a fraxilidade de certos negocios baseados na Internet e os seus usuarios.
No seu relatorio, Gerloff denuncia ás empresas de Internet de traizoar aos seus usuarios e, como exemplo, pono o caso de Yahoo (por entregar información dos seus clientes ao Goberno chinés) e sostén que os dirixentes políticos “unha que entenderon como funciona a Internet, convertérona nunha ferramenta de opresión. Agora sabemos que nos escoitan, que non somos libres”.
Ante este panorama, Gerloff anima a aproveitar o software libre para que montemos servidores web domésticos, deixemos Facebook ou empreguemos sistemas de correo electrónico de compañías pequenas, como fórmulas para fuxir dun control centralizado.

PUBLICIDADE