O presidente da Deputación da Coruña coñeceu de primeira man o potencial en transferencia do CITIC

venres, 1 de abril do 2016 Redacción

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puido coñecer onte as principais liñas de traballo do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC. Foi grazas a unha visita institucional ao centro, durante a que avogou “por aproveitar a experiencia e coñecemento” da Universidade. A toma de contacto co CITIC complementouse cun achegamento ao viveiro de empresas da UDC no Campus de Elviña. Valentín González que estivo acompañado polo reitor, Julio Abalde, fixo un chamamento a xuntar forzas para “ter un mundo emprendedor ligado á universidade, co obxectivo de que esta colaboración conclúa coa transferencia de novas tecnoloxías e aplicacións á sociedade civil”.
Durante a visita ao CITIC e ao viveiro o presidente provincial avanzou que, dentro da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego que ultima a Deputación, prepárase un convenio de colaboración coa UDC “para que calquera emprendedor da provincia, especialmente no ámbito tecnolóxico, poida aproveitar estas magníficas instalacións que ten a Universidade e os seus coñecementos neste tipo de proxectos".
Pola súa banda, o reitor Julio Abalde recoñeceu que a UDC e a Deputación "estamos a ver posibles canles de colaboración", a través de unidades do parque tecnolóxico como o CITIC e o viveiro de empresas "que cremos que son importantes para o desenvolvemento de empresas dentro e fóra da Universidade".
Segundo puido coñecer o presidente provincial en persoa, no CITIC traballan a día de hoxe uns 230 investigadores que colaboran cos responsábeis de sete empresas alí instaladas e que desenvolven proxectos avanzados relacionados coas novas tecnoloxías da información a través das seguintes áreas: Busca e Recuperación de información para a empresa e a administración, Integración de aplicacións e Información, Intelixencia Artificial e Aplicacións, Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa, Media en Rede e Fogar Dixital, Métodos de Utilizabilidade e Validación de Sistema, Procesado de Imaxes Dixitais, Sistemas de Comunicacións Sen Fíos, Sistemas de Información en Web, Sistemas de Información Xeográfica e Sistemas Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos.
Segundo explicou o coordinador do CITIC, Manuel González Penedo, durante a estadía no centro do presidente da Deputación, este leva en funcionamento dende 2003 e dende aquela, sinalou, “é un referente na simbiose do coñecemento universitario co mundo empresarial", que enriquece o desenvolvemento de numerosos proxectos en áreas tecnolóxicas do máis diverso.
Por outra banda, lembróuselle que o viveiro de empresas conta actualmente con 5 iniciativas empresariais, ás que proximamente se incorporarán dúas novas, e dúas spin-off, empresas xa consolidadas que continúan usando este espazo. Dende a súa fundación en 2004, o centro acolleu un total de 51 iniciativas emprendedoras, das que 31 chegaron a afianzarse.

PUBLICIDADE