O presente e o futuro da Rede, polo miúdo na derradeira xornada de InnovaTE2

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

Este martes rematou o ciclo de xornadas do proxecto InnovaTE2 da Deputación de Lugo. O broche de ouro púxoo o encontro Espremendo a Rede, reflexións sobre a alfabetización dixital, que correu a cargo do galego Enrique Dans, profesor e reputado blogueiro, amais de ser un dos principais abandeirados das liberdades de información e comunicación vinculadas ás novas contornas e os novos dispositivos. Foi a primeira vez en que a provincia acolleu un relatorio oficial de Enrique Dans, quen baseou unha boa parte da súa intervención en analizar en detalle o presente e o futuro da Internet e as redes sociais.
Dans, profesor na IE Bussines School amais de bitacoreiro dixital (con máis 230.000 seareiros habituais), achegou información sobre a vertente máis útil da Internet, sobre os novos xeitos de interactuar que están a introducir (dende as redes cara a sociedade, modificando mesmo a maneira que temos de comunicarnos off line) e sobre o que se pode agardar de Internet e as redes sociais nun futuro próximo. Amais do público que acudiu ao salón de actos do Pazo de San Marcos, sede da Deputación, tamén foron moitos os que puideron seguir a intervención de Dans pola Rede en streaming a través de deputacionlugo.gal, grazas ao traballo da Fundación TIC.
Segundo lembrou o organismo provincial, a de onte non foi a primeira ocasión na que trouxo a prestixiosos expertos no eido das novas tecnoloxías e as redes sociais. Profesionais e divulgadores como Eduardo Punset, Emilio Duró; Fernando Trías de Bes ou José Antonio Rodríguez son algúns dos persoeiros que teñen compartido cos lucenses os seus coñecementos do mundo dixital e a comunicación ao abeiro do programa tecnolóxico da institución provincial que rematou este martes.
Enrique Dans, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a día de hoxe exerce de profesor de Sistemas de Información na IE Business School dende o ano 1990, materia esta na que está doutorado pola Universidade de California en Los Ángeles (UCLA). Alén do seu labor docente, Dans traballa de asesor tanto para compañías como para startups, en medios de comunicación en temas relacionados coa rede e a tecnoloxía. Enrique Dans salienta ademais como blogueiro, co seu caderno en liña persoal, un dos máis populares en lingua española en todo o mundo, rexistrando máis de 230.000 seareiros habituais.
Esta conferencia, como dixemos, puxo o punto final ao Innova-TE2: Deputación Dixital, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea, a través do cal o organismo provincial lugués puxo en marcha diferentes iniciativas de impulso e consolidación das TICs entre diferentes sectores da sociedade lucense, “entre as que destacaron polo seu rotundo éxito”, sinala a institución, “aquelas destinadas aos maiores de 55 ou ao tecido empresarial da provincia”.

PUBLICIDADE