O prazo para presentarmos candidatura aos Premios das Telecomunicacións remata este 13 de xullo

xoves, 9 de xullo do 2015 Redacción

O Gran Hotel da Toxa, no Grove, sede da xuntanza profresional da AETG-COETG

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) vén de lembrar aos profesionais, investigadores, empresas e entidades do ámbito TIC galego de que este luns 13 de xullo remata o prazo para presentaren candidaturas aos Premios Galicia das Telecomunicación 2015 convocados polo colexio e asociación. Segundo lembran, estes galardóns constitúen “unha excelente plataforma para a promoción e proxección das empresas e profesionais galegos e para os produtos e servizos que se están a desenvolver no sector TIC na nosa terra”.
Serán entregados durante a XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) que terá lugar o 25 de setembro de 2015 no Gran Hotel da Toxa baixo o lema Un mundo conectado.
Por galardóns e obxectivos, lembrar que o Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial TIC, o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC e o Premio Ineo ao produto ou servizo TIC orientado ao Internet das cousas 2015, teñen por obxecto “potenciar o noso sector salientando aquelas empresas, desenvolvementos e investigacións aplicadas con maior posibilidade de crecemento e proxección”. Convócase tamén o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que contribúan e acheguen beneficios á sociedade.
Estes son son os galardóns, punto por punto e especificándose a quen se dirixe e cales son as recompensas incluídas ao seu abeiro:
Premio Gerardo García Campos
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2015, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é unha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC 2015. Coa concesión desta distinción patrocinada pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotada con 2.000 euros, preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015, que xa se ven concedendo dende hai algúns anos xunto co resto de galardóns no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia. Este premio de carácter honorífico, pretende recoñecer os mellores proxectos no ámbito das TIC que contribúan e aporten beneficios á sociedade.
Premio Ineo ao produto ou servizo TIC orientado á Internet das Cousas
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convoca o Premio Ineo ao produto ou servizo TIC orientado á Internet das cousas 2015, patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo) e de carácter honorífico, está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír á modernización e á innovación na economía galega.

PUBLICIDADE