O potencial de colaboración transporte-TIC, a debate este xoves en Santiago

mércores, 20 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Este xoves celébrase en Compostela, máis en detalle no Hotel Porta do Camiño, o Smart Intracluster Event, un foro de innovación organizado por Ineo co obxectivo de xerar ideas e canles de colaboración entre o sector das novas tecnoloxías e o do transporte. Máis polo miúdo, trátase de sentar os alicerces de novos proxectos innovadores galegos dirixidos a mellorar o transporte por superficie a nivel europeo. O evento está inserido no Proxecto Smart da Comisión Europea, no que participa activamente a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Por certo que este foro de traballo non será a única actividade de Ineo ao longo da xornada en Santiago, posto que a partir das 16.00 horas está programada a celebración da asemblea xeral extraordinaria da asociación TIC galega, unha xuntanza que servirá para perfilar as liñas estratéxicas futuras da mesma.
Volvendo ao foro de traballo Smart, dicir que dará comezo arredor das 11.30 horas coas intervencións de Covadonga Toca, xerente da dita Fundación, e Jorge Cebreiros, presidente de Ineo. Logo, falará Octavio Pernas, director territorial de Econet, que fará un repaso polos programas de axudas europeas a través dos cales as empresas poden obter pulo para proxectos I+D no transporte.
Luís Moreno, director xeral do CTAG; José Carlos García, secretario xeral de FEGATRAMER e José Luís Liñares, director xeral de FEGABUS, serán os encargados de moderar as mesas de traballo que virán a continuación e nas que se tratarán cuestións como por exemplo os métodos tecnolóxicos máis axeitados para mellorar a circulación asistida, a eficacia no consumo e no emprego de recursos e máis a seguridade na estrada.
Amais de todo isto, tamén se dará acubillo á presentación dun novo proxecto innovador da entidade Red.es dirixido, precisamente, ao trasporte. Elena González de Miguel, membro da entidade público-empresarial TIC, será a encargada de afondar nas claves desta iniciativa, inserida no Programa de Empresas de Red.es.

PUBLICIDADE