O portugués, a segunda lingua que máis medra na Rede, logo do árabe

venres, 31 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Nisto da tecnoloxía e das redes da información, non todo son malas novas. Hai algunhas que aínda despois dun exame polo miúdo, seguen a parecer boas. Segundo sinala estes días a Internet World Stats, o portugués é neste intre a segunda lingua que máis medra na Internet. Isto, que como dato en bruto non semella constituír gran cousa para o futuro do mundo, ten importancia cando lembramos un dos grandes perigos da globalización: a posta a punto dunha sociedade onde unicamente impere a lingua daqueles que teñen o poder económico e, en consecuencia, os fíos que rexen o planeta. O portugués vai cara a adiante, sobre todo grazas á consolidación de Brasil como potencia en liña, e se cadra a costa do sobre-cargante inglés. Ou sexa: do dólar.
Segundo sinala Vieiros facéndose eco do dito estudo, o uso do portugués multiplicouse por cinco nos últimos anos, mentres que o do castelán fíxoo por tres, chegando a rentes do 9% do total dos internautas. Amais do portugués (que medrou un 524% dende 2000), na marea de linguas que semellan estar comendo terra firma do dominio anglofalante atopamos tamén ó árabe, que subiu un 940%, afianzándose no primeiro posto de falas que se abren camiño na Rede. No que respecta a linguas máis empregadas, a dominante segue a ser o inglés, seguida do chinés (14%), o español (8,8%), o xaponés (7,7%), o alemán (5%) e o francés (tamén 5%). No sétimo posto está a lingua lusa, cunha taxa do 4%. E subindo.

PUBLICIDADE