O portal web da literatura galega en inglés amplíase con cinco novos escritores

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.
Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da Rede, o Portico of Galician Literature incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros.
En 2014, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras traducidas ao inglés de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai, mentres que en 2013 se ampliou o catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure e Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés, que suma xa 20 nomes representativos da literatura galega actual.

PUBLICIDADE