O portal paraestudarlugo.com recibiu máis de 7.000 visitas

xoves, 18 de xuño do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo vén de facer un novo balance da actividade xerada a través do portal paraestudarlugo.com, que forma parte da campaña de promoción do Campus de Lugo posta en marcha polo organismo provincial e a Universidade de Santiago (do que forma parte o dito campus). A web, habilitada a comezos de xuño, xa recibiu a visita de 7.000 persoas do ámbito estatal e do estranxeiro interesándose polas oportunidades que ofrece a universidade lucense. A cifra de accesos, en palabras da Deputación, proba non só a eficacia da estratexia de promoción seguida (envorcada na Rede) senón tamén o amplo potencial educativo dos centros universitarios habilitados na Cidade da Muralla.
Volvendo ás visitas e abordándoas nun plano máis detallado, sinalar que o 37% das consultas proviñeron da provincia de Lugo. Con respecto ás restantes cidades galegas, as porcentaxes son as seguintes: 16% Santiago de Compostela; 13% A Coruña; 8% Vigo; 4% Ourense e 3% Pontevedra. Dende outros puntos de España, aumentaron aínda máis (en comparación cos primeiros datos) as consultas de Madrid co 15% do total; e dende Barcelona, co 4%. Do estranxeiro, foron o 36% das visitas, sobre todo de Rusia, Estados Unidos e Alemaña.
En redes sociais como a páxina de Facebook da Deputación de Lugo as publicacións sobre a campaña paraestudarlugo tiveron un alcance de máis de 35.000 persoas, é dicir, triplicouse en sete días. Estas súmanse ás 10.000 que o fixeron a semana pasada.
Sinalar tamén que a campaña en liña forma dun Plan de Choque posto a camiñar hai aproximadamente un ano da man da Deputación e a USC, un programa co que se conseguiu un incremento de matrículas dun 40% nas titulacións nas que non se cubrían as prazas.
A través do Plan de Choque a Deputación ofrece por segundo ano consecutivo descontos do 50% nos custen da matrícula a estudantes que se matriculen por primeira en 10 graos do Campus de Lugo. Son os seguintes: Enxeñaría de Procesos Químicos Industrias; Enxeñaría Civil; Enxeñería en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; e Administración e Dirección de Empresas. O desconto do 50% aplicarase de xeito automático no momento de pagar a matrícula.
O Plan de Choque que Deputación e USC puxeron en marcha o ano pasado, promocionando Lugo como cidade universitaria, rompeu coa tendencia á baixa de alumnos que experimentaba o Campus de Lugo. “Deste xeito”, engadiron o presidente e o vicerreitor, “as titulacións con menor demanda, cuxa primeira matrícula custeou ao 50% o organismo provincial, experimentaron un incremento do 40% no curso 2014-2015, pasando de 137 estudantes a 191”. Neste senso salientaron a suba de graos como o de Ciencias da Cultura, que pasou de 12 a 45 alumnos.

PUBLICIDADE