O portal galego Imosver.com incorpora ao seu catálogo un amplo abano de xogos e consolas

venres, 13 de decembro do 2013 Redacción

Os responsábeis de Imosver.com, o portal galego para a venda de libros e artigos de lecer en todo o mundo, veñen de informarnos dunha novidade no seu seo de cara á campaña de Nadal na que estamos mergullados. Máis en detalle, o portal amplía ao máximo os seus horizontes engadindo videoxogos e consolas ao seu catálogo de produtos. Segundo explican os promotores a plataforma, que se ofrece en galego, castelán e catalán, “os videoxogos son un eido de desenvolvemento tecnolóxico e de negocio que a día de hoxe conta cun nutrido número de seareiros en todo o mundo, dende xogadores ocasionais até programadores, e pasando polos gamers, cuxas fileiras aumentan día tras día”.
Tendo en conta datos coma os devanditos, dende Imosver lánzanse a achegar produtos como videoxogos, accesorios ou as consolas da plataformas máis coñecidas, como PlayStation, Xbox ou Wii. No catálogo da web galego os seareiros atoparán “os xogos máis recentes e mellor valorados polos afeccionados”, como por exemplo Grand Theft Auto V, Assassins Crede IV Black Flag Day, Battlefield 4 ou Call of Duty: Ghosts. Segundo apuntan, atopar o videoxogo polo que devecemos en Imosver vainos resultar moi doado, ao igual que navegar entre as distintas categorías. Ademais, contan, “podemos aplicar filtros por novidade, prezo, dispoñibilidade, idade recomendada do xogo ou tema do mesmo, de maneira que podemos atopar os que mellor se adaptan ás nosas necesidades de xeito cómodo”.
Lembrar que Imosver.com é unha plataforma de comercio electrónico posta a camiñar hai pouco máis de un ano. A plataforma conta arestora con máis de 2 millóns de produtos en stock e máis de 400.000 produtos dispoñíbeis na web de seu, entre os que cómpre salientar libros de texto, libros electrónicos ou películas. Os responsábeis da plataforma constatan que a traxectoria seguida é a todas luces ascendente, “baseada na innovación e na adaptación aos novos mercados, e sempre pendente das últimas tendencias, para ofrecer o mellor aos clientes”, explican.

PUBLICIDADE