O portal Proxector recompila vídeos sobre as bacterias e a súa resistencia aos antibióticos

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) achegan este mes de novembro novos contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. En concreto, o portal achegou un especial (Bacterias e antibióticos. Do laboratorio á clínica) que nos achegan ao comportamento das bacterias, tanto aquelas beneficiosas para o funcionamento do organismo humano como as prexudiciais que causan infeccións. Inclúese unha ducia de recursos audiovisuais. No especial tamén se explica a relevancia que tivo o descubrimento da penicilina no tratamento das enfermidades bacterianas.
Con este especial, o CCG súmase á celebración do XIV Día da Ciencia en Galego, que organiza IGACiencia e que, este ano, homenaxea a Alexander Fleming e Domingo García-Sabell nunha edición que ten por lema Ano da saúde para todos.
Entre os ideais do médico galego Domingo García-Sabell sempre estivo o de humanizar a medicina, para o que reivindicou “poñer no centro tanto o paciente como a persoa” e “empregar a lingua propia do doente”, explica o especial. Pola súa banda, Alexander Fleming instaurou a universalización dos coidados sanitarios co seu achado accidental da penicilina en 1928, un descubrimento que resultou “de vital importancia para tratar moitas infeccións bacterianas diferentes e salvar moitas vidas”, continúa.
Arredor deste fito científico falan Allison Ramsey e Mary Staicu no vídeo O accidente que cambiou o mundo, peza que abre a nova entrega de Proxector. A continuación, Azucena Mora, profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fai un percorrido histórico dende o descubrimento da penicilina ata a actualidade co fin de afondar no papel que tiveron as mulleres na historia da ciencia en xeral e no campo da microbioloxía en particular.
O especial inclúe tamén un vídeo TED no que Bonnie Bassler analiza como os microorganismos bacterianos empregan unha linguaxe química para comunicarse e, deste xeito, coordinar tanto a súa defensa como os seus ataques. En Illando a diversidade, Ana Otero, Sabela Balboa e Carlos Rodríguez Osorio, docentes da USC, amosan a técnica de laboratorio que permite conseguir un cultivo puro de bacterias.
Pola súa banda, Gerry Wright achega o vídeo Como podemos resolver a crise de resistencia aos antibióticos? e Gonzalo López Lorenzo pon o foco na colibacilose porcina, doenza que provoca cadros de diarrea nos leitóns e está causada pola Escherichia coli, unha bacteria que conta xa con algunhas cepas resistentes aos antimicrobianos.
Pola súa banda, Inmaculada Orjales expón en A redución do uso de antibióticos: un reto para a gandería as vantaxes que tería para as explotacións gandeiras a limitación do uso deste tipo de fármacos. Unha posíbel solución á loita contra as bacterias resistentes aos antibióticos achégaa Alexander Belcredi no recurso Como un virus xa esquecido nos pode axudar a pór fin á crise dos antibióticos.
Completan o especial de Proxector un audiovisual sobre a tuberculose e o xeito en que afecta ao organismo do ser humano e outro arredor da relación existente entre as enfermidades bucais e doenzas como a artrite, a diabetes ou os accidentes cerebrovasculares.
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con preto de 1.400 materiais publicados dunha trintena de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE