O portal Proxector conmemora a declaración dos dereitos humanos cunha escolma de doce vídeos

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) achegan este mes de decembro novos contidos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. En concreto, o portal achegou un especial (Os dereitos humanos) que nos achega unha ducia de vídeos que evidencian as distintas orixes da desigualdade entre as persoas: a alimentación, o racismo, as guerras, o machismo, a educación... Tamén atoparemos análises xerais necesarias en calquera intervención.
O lanzamento deste especial encádrese no aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos por parte da ONU, o 10 de decembro de 1948.
A escolma de vídeos do portal Proxector recolle análises, crónicas e reflexións relacionadas con dereitos gravemente ameazados, como a educación ou a saúde. Os e as especialistas que interveñen nestes audiovisuais tamén dirixen a súa ollada a factores que xogan en contra dos esforzos por virar esta fráxil situación.
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con preto de 1.400 materiais publicados dunha trintena de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE