O portal Pasaxe! xa foi quen de evitarnos a presentación de 30.000 documentos

luns, 24 de novembro do 2014 Redacción

O Goberno galego amosou esta fin de semana as cifras acadadas polo Portal de Interoperabilidade Pasaxe!, unha ferramenta que permite o intercambio de datos entre as Administracións estatal, autonómica e locais, evitando aos cidadáns a presentación de documentos que consten en poder de calquera delas. Pois ben, segundo fai saber o Executivo galego, o portal rexistrou dende a súa posta en funcionamento (hai medio ano) 30.000 consultas desde os diferentes departamentos autonómicos. Isto, sinálase, “implica que se evitou a petición de 30.000 documentos ou certificados a cidadáns e empresas para a realización de trámites administrativos”.
Asemade, no reconto dos froitos colleitados por Pasaxe!, faise saber da progresiva incorporación ao seu seo (a longo dos seus seis meses de vida) de novos servizos, até acadar os 27 actuais. A previsión é que ao longo do ano 2014 o servizo vai alén da cifra de 30, incorporando trámites e documentos como os referentes ao título de familia numerosa ou ao certificado de discapacidade.
A posta en marcha de Pasaxe! enmárcase nas medidas da Plan de Modernización da Administración autonómica a Xunta. A finalidade básica deste plan é incrementar os aforros aos cidadáns e empresas galegas que interactúan coa Administración autonómica, conseguíndose aumentar “nun 300%” o número de consultas de interoperabilidade realizadas. Así, en 2015 prevese superar a cifra das 1.000.000 de consultas.

PUBLICIDADE