O portal InfoJobs premiará a quen desenvolva a súa mellor App

martes, 30 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

InfoJobs, o portal español de ofertas e demandas de emprego, vén de pór en marcha un concurso aberto a programadores que queiran desenvolver unha aplicación para smartphones baseada no propio InfoJobs. As ferramentas poderán deseñarse na tecnoloxía que se prefira (iOS, Android, Windows Phone, HTML5, S40 Full Touch, Blackberry, Facebook, Web ou Dekstop), e o gañador obterá un recoñecemento de 10.000 euros. O obxectivo do portal é crear un espazo para conectar persoas, talentos e ideas que queiran sumarse ao reto.
O portal facilitará o conxunto de rutinas (API) para acceder aos datos que achega InfoJobs, amais do asesoramento técnico e de negocio que sexa preciso para os desenvolvedores. Isto farase a través da plataforma Hack-at-Home que subministra AppCircus.
A única premisa fixa que se estipula é que os usuarios finais das aplicacións sexan os candidatos de InfoJobs. Deste xeito, sinala a empresa, as áreas nas que se poden basear as aplicacións serán todas aquelas que se dirixen aos candidatos: procura de traballo, consulta e descrición das ofertas, inscrición nas mesmas, seguimento de candidaturas e acceso ao currículo. Todas as propostas terán que ser achegadas na devandita plataforma hackathome de InfoJobs antes do 22 de xaneiro, data na que comezará o período de votacións en liña á mellor aplicación móbil. No mes de febreiro, darase a coñecer á gañadora ou gañador do concurso. A evolución do certame poderá seguirse en Twitter co hashtag #appInfoJobs.

PUBLICIDADE