O pontevedrés Adrián López gaña o galardón de fin de carreira do CPEIG

luns, 19 de novembro do 2012 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou outorgarlle o Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizasen os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2011 ou 2012), a Adrián López Villaverde polo seu traballo Deseño de Infraestruturas de Almacenamento Escalables para Cloud Computing. O proxecto fin de carreira premiado polo CPEIG foi cualificado con matrícula de honra pola Universidade da Coruña.
O traballo, informa o Colexio, propón o deseño dunha solución de almacenamento escalable para a nube, mediante o uso do provedor Amazon Web Services (AWS), que financiou o traballo. A través dunha exhaustiva análise de sistemas de ficheiros compartidos e paralelos (NFS e OrangeFS) e librarías de E/S (POSIX, MPI-IO e HDF5) con tecnoloxías de altas prestacións (SSD e 10 Xigabit Ethernet) e con ata 128 clientes, obtívose unha solución escalable que ofrece un rendemento cinco veces superior, na metade de tempo e cun menor custo asociado.
Adrián López Villaverde, orixinario da cidade de Pontevedra, recibirá como recoñecemento 1.000 euros en metálico e unha estatuíña no transcurso da celebración da cuarta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o vindeiro día 23 de novembro en Santiago de Compostela. O ente colexial busca, a través da concesión deste premio, achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.
O xurado do premio estivo composto por: Alberto Vaderruten, decano da Facultade de Informática da UDC; Antonio Mosquera, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; o secretario do colexio, Juan José González Cid; e o presidente do mesmo, Fernando Suárez Lorenzo.

PUBLICIDADE