O polo tecnolóxico das Rozas xa sumou 11 millóns de euros en licitacións

luns, 11 de setembro do 2017 Redacción

O Goberno galego achegou este 11 de setembro unha serie de novidades sobre as actuacións que se están a levar a cabo nas Rozas (Lugo) para crear alí un polo de innovación e emprendemento arredor dos vehículos aéreos non tripulados (UAV) e as tecnoloxías de control e xestión que os acompañan. As cifras e datos foron dados a coñecer polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Segundo explicaron, as licitacións abertas na fase de solucións do polo de Rozas suman xa preto de 11 millóns de euros. Nas súas palabras, o obxectivo é as tecnoloxías que abrollen deste novo centro de innovación melloren a prestación de servizos públicos.
Na cita celebrada en Santiago presentáronse cinco novas licitacións, que abrollan da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e ás que se destinan 7,2 millóns de euros. Segundo se fixo saber, estes contratos permitirán “realizar unha mellor xestión do Catastro en Galicia; identificar usos do solo; mellorar a xestión de diferentes infraestruturas; optimizar a xestión da auga e das mareas vermellas nas zonas de marisqueo; ou incrementar a seguridade da frota pesqueira”. A previsión é que no mes de outubro se sumen a estas licitacións dúas máis centradas na xestión e control forestal e a seguridade aérea, cun investimento de 6,7 millóns de euros. “Así”, sinalouse, “no primeiro semestre de 2020 estarían entregadas e aprobadas as solucións seleccionadas neste primeiro paquete de licitacións”.
Na sesión de hoxe, Conde e Mato tamén lembrar que ás devanditas cinco licitacións cómpre engadir as tres xa publicadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ligadas ao eido agrario e centradas no control automatizado e intelixente da actividade rural asociada ás axudas da política agraria común (PAC); nunha plataforma para procesar a información das parcelas agrarias galegas; e nun sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia.
Todo isto súmase un total de 11 millóns de euros en licitacións xa publicadas, o que, tal e como salientou Conde, “demostra o nivel de implicación das Administracións no campo dos avións non tripulados para uso civil”. Conde tamén recordou que no seu conxunto, o polo tecnolóxico e industrial de Rozas está a mobilizar no seu conxunto 150 millóns de euros.

PUBLICIDADE