O polo de drons das Rozas loce excelencia en Chicago

xoves, 2 de maio do 2019 Redacción

As empresas punteiras da nosa terra en materia aeroespacial estiveron estes días (até hoxe) en Chicago na que está considerada a gran cita referencial dos drons a nivel internacional: a feira Xponential. En gran medida, a representación galega materializouse a través do proxecto Civil UAVs Initiative, dirixido a crear un Lugo (As Rozas) un potente e referencial polo de deseño, desenvolvemento e creacións de tecnoloxías ligadas aos avións non tripulados. As entidades e empresas impulsoras e integrantes do proxecto tiveron representación de seu no pavillón do ICEX. Alí tamén estivo a directora da axencia autonómica GAIN, Patricia Argerey, quen foi a encargada de presentar o polo aeroespacial galego ante especialistas de todo o planeta.
Segundo fixo saber, “é unha excelente oportunidade para que as empresas que participan en Civil UAVs establezan contactos comerciais e poidan identificar as tendencias tecnolóxicas e coñecer as últimas novidades que xa están no mercado”.
Amais de presentar as potencialidades do centro das Rozas (Lugo), déronse a coñecer (no marco do programa educativo da feira) as liñas de traballo de BFAero, a aceleradora galega especializada no sector aeroespacial, que está arrincando a súa primeira edición, co obxectivo de “crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeroespacial en Galicia capaces de captar, atraer e reter talento”.
Amais de todo isto, a delegación galega, formada por unhas 30 persoas, está a visitar stands de empresas e países como China, Francia ou Dinamarca.
As entidades que asisten (até hoxe 2 de maio) á Xponential 2019 son as multinacionais Indra, Babcock e Boeing (socias da Xunta de Galicia na Civil UAVs), as empresas galegas Marine Instruments, Ceres Gestión Sectorial, Cartogalicia, Proyestegal, Análisis y soluciones de ingeniería, Aerolugo, Cinfo, Centum, Soluciones y sistemas de información (Sixtema) e os centros tecnolóxicos Gradiant e ITG.
A feira Xponential, segundo informa GAIN, “constitúe o principal punto de encontro a nivel internacional para o sector dos sistemas non tripulados aéreos, terrestres e marítimos”. Está organizada pola Asociación para Sistemas Non Tripulados Internacional (AUVSI, nas súas siglas en inglés) e chega este ano á súa 47 edición. Na pasada edición, visitaron o evento 8.500 persoas e contou con máis de 700 expositores.

PUBLICIDADE