O plan para levar un ordenador a cada neno de Uruguai chegará á cobertura total en setembro

venres, 24 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O espazo Radiocable segue a situar puntos de referencia para un proxecto que de confirmarse podería cambiar de xeito radical a posición española no eido da Sociedade da Información mundial: a iniciativa do Goberno central de levar un ordenador a cada alumno de Primaria do país. Na devandita web, probablemente tratando de encarrilar os máis que posibles esforzos do equipo de Rodríguez Zapatero cara a modelos de éxito probados noutros recantos do mundo, dáse conta estes días da experiencia de Uruguai, o que moi posiblemente sexa o primeiro país do planeta en apostar pola distribución masiva de ordenadores entre os cativos, unha experiencia aplicada polo executivo do presidente Tabaré Vázquez e que a xuízo dos analistas en liña que máis preto están dos resultados da iniciativa está a resultar todo un éxito. O plan, chamado Plan Ceibal, xa ten dous anos e medio de antigüidade, tempo abondo como para tomarlle o pulso aos seus froitos entre os 260.000 rapaces e rapazas en idade escolar primaria do país, que é (polo tanto) a mesma cifra cá do equipamento informático posto en xogo para reforzar o sistema educativo.
Por certo que os ordenadores en cuestión foron encargados ao plan de achega de ultraportátiles de baixo custe de Negroponte, equipos aos que logo se lles engadiu todo o preciso para facer vida na Internet de banda larga.
A día de hoxe, malia non estar todo o equipamento distribuído, si que xa hai unha boa parte do mesmo en mans dos rapaces, arredor de 170.000, a un ritmo de 1.500 por xornada, o que constitúe un importante pulo ao afianzamento na Sociedade da Información dun país que, xunto cos do seu contorno, vén de deixar atrás, aínda agora, os efectos dunha grave crise. A previsión é de que para finais de verán, no mes de setembro, todos os nenos, nenas e mestres teñan nas súas mans o seu propio computador, ao que poderán darlle uso no ámbito escolar ou ben no familiar, xa que son da súa propiedade. O que se pretende con isto é potenciar o papel dos nenos como normalizadores do uso das novas tecnoloxías, ao ser eles mesmos os que asumen nos fogares o papel de mestres dixitais. Por certo que a diferenza do que semella querer facer o Goberno de Zapatero, os ordenadores postos en xogo en Uruguai inclúen todos eles sistemas de software libre. Segundo informa a prensa do país, o proxecto tamén conseguiu que se incrementase a asistencia as clases, até nun 50%.

PUBLICIDADE