O plan de informatización da xustiza supuxo xa un investimento de 2 millóns de euros

martes, 19 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Xunta vén de facer reconto do seu traballo recente en materia de informatización da xustiza. Os detalles foron achegados este martes perante os medios no transcurso dunha cita convocada en San Caetano, que xirou arredor dos seis meses de vida do Plan TIC de Medidas Urxentes para o dito eido administrativo e que contou coa presenza activa da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez. O proceso de dixitalización, que até agora veu acompañado de investimentos por valor de 2 millóns de euros, ten a mesma base que a de calquera outra acción innovadora no ámbito administrativo: a mellora de todo o que implique xestión, envío, control, recuperación ou almacenamento dos datos. Asemade, vai dirixido a facer que a comunicación entre as institucións e a cidadanía sexan máis áxiles e eficaces.
Con todo, sinala a Xunta, o Plan TIC ten o valor engadido de impulsar un ámbito, o xudicial, especialmente lastrado polos métodos de tramitación tradicional, con todo o que iso implica: traballos e esforzos extra que ben puideran (e deberan) automatizarse.
Dos dous millóns devanditos, sinalouse, un 44,67% foi dar á adxudicación de servizos de mantemento e continuidade do servizo, o 41% a infraestruturas, plataforma ofimática e seguridade, o 9,03% á implantación de sistemas de información e o 5,12% restante á adxudicación do Plan de Sistemas de Xustiza, a continuación do programa para os vindeiros catro anos.
Segundo comentou Mar Pereira durante o balance da estratexia posta en práctica hai seis meses, o Plan TIC de Medidas Urxentes esténdese até finais de 2010, incluíndo un orzamento de 2.153.000 euros. O obxectivo do mesmo, relembrou, é contribuír á unha modernización eficaz da xustiza. Os traballos comezaron a nivel de estruturas, ámbito que a xuízo de Pereira atopábase nunha situación de partida “moi crítica”. En detalle, o que se fixo no comezo foi un estudo da ocupación das liñas das sedes xudiciais, que se ampliou en 27 e se solicitou noutras 15. “Así”, comentou a secretaria xeral, “antes da aplicación do Plan o 20% das liñas presentaban un nivel de ocupación crítica mentres que un 52% estaban nunha situación óptima; porén, neste intre, un 1% das liñas teñen un nivel de ocupación crítica, mentres un 77% delas están nunha situación óptima”.
Actuacións concretas
O plan, alén da achega de cifras, serviu para abordar accións concretas entre as que Mar Pereira salientou a revisión dos centros de proceso de datos das unidades xudiciais, un servizo que (para entendérmonos) atópase espallado en 49 sedes e, a xuízo da Xunta, ás veces en emprazamentos pouco idóneos para darlles acubillo. Para contribuír a mellorar esta situación integrouse o Centro de Proceso de Datos (CPD) central da informática xudicial (até o de agora en Área Central, en Santiago) no CPD central da Xunta. Para os departamentos que dirixen Mar Pereira e Juan José Martín, este traslado responde aos “graves problemas de climatización dos que adoecía o emprazamento antigo”.
De xeito simultáneo, estanse a revisar os restantes CPDs das devanditas 49 sedes e a equipalos de sistemas de alimentación que atenúen as consecuencias dun hipotético problema eléctrico.
Entre as actuacións concretas tamén se inclúe a renovación do equipamento informático do parque ofimático xudicial galego (substituíndo tódolos anteriores a 2005).
No que atinxe aos xulgados de paz, dicir que neste intre se está a facilitar infraestrutura de acceso ao sistema, contando o 75% destes emprazamentos coa dotación de equipo finalizada.
Vantaxes para a cidadanía
Durante o transcurso da presentación destes datos en San Caetano, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, fixo fincapé nas vantaxes que este proceso de información vai poñer en xogo de cara á cidadanía. Ao seu xuízo, o eixe arredor do que xira toda a actividade de modernización é favorecer a interoperabilidade total. Ou sexa, a creación dun ámbito comunicativo sociedade-administración que faga súas as vantaxes do eido dixital, vantaxes entre as que se conta a supresión do papel como soporte. “Deste xeito”, subliñou, “tódolos trámites e os escritos poderán ser formalizados e achegados a través das novas canles da información”. Ademais, engadiu, axilizarase o tempo de traballo do persoal do ámbito da xustiza, incluídos os xuíces, que verán como se reduce con moito o tempo de traballo ao substituír procesos tradicionais polas achegas da automatización.

PUBLICIDADE