O phishing duplícase e chega aos 38 millóns de usuarios afectados

martes, 25 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Por se alguén pensaba que os internautas imos aprendendo a ser precavidos nas nosas navegacións e no uso do correo electrónico, se cadra debera ter en conta os últimos informes de Kaspersky nos que se certifica exactamente o contrario: que imos cara atrás en materia de precaución. Isto débese a dúas cousas fundamentais: quen rouba información (ou directamente cartos) ou suplanta identidades na Rede sabe facelo cada vez mellor (diferenciando menos os seus produtos dos produtos normais e apelando ao que máis lle interesa ao internauta de a pé: premios, ofertas, viaxes pola patilla, novas cun compoñente de morbo) e, ademais, cada vez empregamos máis servizos e fozamos en máis redes sociais. No informe A evolución dos ataques de phishing de 2011 a 2013 de Kaspersky despréndese que o número de usuarios que se enfrontou a ataques de suplantación nos últimos 12 meses aumentou nun 87%, pasando de 19,9 millóns a 37,3 millóns de afectados.
Ademais, Facebook, Yahoo, Google e Amazon están entre os principais obxectivos dos ciberdelincuentes. O estudo, elaborado en xuño de 2013 con datos do servizo KSN (Kaspersky Security Network), amosa que o phishing (apropiación de identidades ou webs na procura de cartos ou información persoal), que antes era un subgrupo de spam, agora converteuse nunha “ciberamenaza propia”. Ademais, infórmase que o correo electrónico xa non é o mecanismo de entrega máis común para este tipo de suplantacións. Só o 12% de todos os ataques de phishing rexistrados no último ano lanzáronse a través de mensaxes de correo lixo (spam). O outro 88% dos casos procede de ligazóns a páxinas fraudulentas a través do navegador web ou sistemas de mensaxería (Skype, ICQ, etc).
En 2012-2013, lanzáronse ataques que afectaron a unha media de 102.100 usuarios no mundo cada día, dúas veces máis que no período de 2011-2012. A maioría destas tentativas fraudulentas realizáronse en Rusia, EE.UU., India, Vietnam e o Reino Unido. Vietnam, EE.UU., India e Alemaña son os países co maior número de usuarios afectados. O número total de ataques nestes países duplicouse desde o ano pasado.

PUBLICIDADE