O persoal municipal compostelán prepárase para a chegada da eAdministración

mércores, 7 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A eAdministración segue a dar pasos en Compostela, desta volta con actividades de formación e capacitación destinado ao persoal municipal: asentando os alicerces para as dixitalizacións que se aveciñan. O proxecto de Administración Electrónica de Santiago, en palabras do Goberno local “o proxecto de modernización máis importante da historia recente do Concello”, subiu un chanzo no mediodía deste 6 de novembro, cunha reunión de traballo entre a empresa provedora do servizo, T-Systems, e as xefaturas dos diferentes departamentos municipais.
Na cita, a empresa deu a coñecer o traballo preliminar que tiña elaborado sobre os procedementos a seguir unha vez implantada a Administración Electrónica. Na xuntanza, as traballadoras e traballadores puideron facer as súas achegas sobre os trámites habituais nos seus departamentos e formular as súas dúbidas ao respecto. Trala reunión, T-Systems completará nos vindeiros días o catálogo de procedementos administrativos para seguir avanzando na implantación do servizo.
O Concello lembrou que o proxecto de eAdministración local vén cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros, sendo a súa cerna unha innovadora plataforma tecnolóxica integral que permitirá, entre outras cousas, dotar ao Concello dunha sede electrónica, dun rexistro electrónico e dun novo xestor de expedientes. Asemade, fará avanzar a xestión tributaria e de tesourería, amais da xestión do padrón de expedientes, axilizando, facilitando e protexendo todos os procesos que son inherentes a estes servizos.

PUBLICIDADE