O papel podería desaparecer da Administración Pública no 2015

mércores, 6 de outubro do 2010 Raquel Noya

Se ben hai cousa dun mes anunciamos a intención da Dirección Xeral de Función Pública da nosa Comunidade de implantar un sistema de xeración e autorización documental baseado no emprego da sinatura e validación electrónicas, agora é o goberno central o que, a fin de contribuír co seu gran de area a coidar o medio ambiente, vén de anunciar a fin do papel na Administración.
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio fixou o ano 2015 como a “data límite para eliminar totalmente o papel na Administración pública”, algo que contribuirá, sen dúbida algunha, a evitar un pouco a degradación dos nosos montes e vexetación.
Segundo informaron dende a entidade pública, para implantar a eAdministración antes da data anunciada, “dixitalizaranse todos os trámites administrativos, finalizarase a incorporación da sinatura electrónica (DNIe) e farase unha migración de todos os rexistros cara o formato dixital”.
Asemade, Industria ten intención, entre outras cousas, de mellorar as infraestruturas de telecomunicacións, de fomentar a concienciación sobre o uso e a confianza en Internet e de darlle pulo ás TIC en sectores estratéxicos; todo elo no marco do Plan Avanza 2.
En resumidas contas, para o periodo 2011-2015, o Goberno ten previsto potenciar a aplicación das novas tecnoloxías en diversos eidos, facendo especial fincapé no sector da sanidade, no educativo e no formativo, aforrando papel e custes en todos eles na medida do posible.
Por outra banda, se a primeira etapa do Plan Avanza, que se desenvolveu entre 2005 e 2010, buscaba recuperar o retraso de España respecto da Unión Europea (UE), os esforzos desta segunda fase do devandito plan céntranse en situar ao noso país nunha “posición de liderato no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados”, algo que pasa primeiro por porlle fin ao papel na Administración.

PUBLICIDADE