O núcleo de Campo, en Valga, únese á rede de nova xeración de R

venres, 18 de febreiro do 2022 S. P.

R vén de incrementar no concello pontevedrés de Valga a conexión directa ás redes de nova xeración. Á listaxe de lugares conectados á infraestrutura do operador galego a finais do ano pasado, como é o caso dos núcleos de Desabanda e do Coto, engádense arestora outros 150 novos inmóbeis do núcleo de Campo, que disporán xa dos servizos de telecomunicacións grazas á nova rede de fibra óptica de R que o operador galego está a modernizar nas catro provincias de Galicia dende 2021.
Cando remate esta fase do Plan Avanza na que R traballa, preto de 270 residencias e empresas do concello pontevedrés terán conexión directa ás redes avanzadas nos devanditos núcleos e máis no de Medela e contarán coa posibilidade de acceso a internet de até 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional.
Hai que subliñar que este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade até o momento (zonas brancas).
No desenvolvemento dos tres plans terase investido un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Valga enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, Norte de Pontevedra e Oeste de Lugo). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 2,6M€.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos de: O Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.

PUBLICIDADE