O novo xogo de Intel para formar directores de tecnoloxía acada 200.000 rexistros

venres, 29 de maio do 2009 Redacción

Cada vez con máis forza, os xogos irrompen en todo tipo de escenarios formativos onde até hai ben pouco tempo dominaba exactamente o contrario: o mestre, titor ou relator fala, e os demais calan ou toman apuntamentos. As cousas van cambiando, aínda que se cadra máis paseniño do que deberían. A sociedade dixital contribúe: os alumnos xa non permitirían un esquema onde non se lles animase a participar, do mesmo xeito que o fan na Web, deixando opinión, achegando textos, vídeos ou fotografías. De igual maneira, os mestres tampouco son os mesmos. E senón que llelo digan aos que lle están a dar uso a IT Manager III: Forzas Invisibles, última versión dun videoxogo que, como o seu propio nome indica, une dous mundos que até hai pouco eran tan contrapostos como auga e aceite: acción a través do ordenador por unha banda e, pola outra, métodos para levar unha empresa do mellor xeito, máis polo miúdo un departamento de tecnoloxía.
Segundo conta Baquia, a terceira edición do xogo está a atopar un gran seguimento na Web dende a súa posta en longo en novembro, con 200.000 usuarios rexistrados, a maior parte deles profesionais do sector ou ben estudantes.
Entre outras achegas salientables, lles permitiría aos usuarios poñerse na pel dun responsable interno en novas tecnoloxías, pero sen selo. Algo así como un simulador gratuíto para xefes TI, tal e como sinalamos no seu día coa posta en marcha dunha versión previa.
Segundo datos de Intel, a face web desta nova iniciativa xa recibiu case un millón de visitas dende que foi posta a disposición da comunidade internauta o pasado mes de novembro.
Polo que respecta ao argumento mesmo da proposta, sinalar que se trata de dirixir unha firma con arela de chegar até o último recanto do mercado mundial. Ou sexa, que se nos imos a poñer en clave de estrategas comerciais da innovación, mellor facelo ao grande. A nosa misión: facer todo o posible para que o equipamento da empresa funcione ben, acadándolle maior rendibilidade e evitando posibles fallos de seguridade informática. Por certo que o xogo é de balde, e polo de agora está dispoñible en 14 países e en 12 linguas. Como dato revelador das vantaxes que ofrece para a economías que están a medrar e a facerse fortes, dicir Turquía é o país que máis partido está a tirar da proposta, co 40% dos xogadores totais.

PUBLICIDADE