O novo traballo musical de Ataque Escampe, en descarga libre

martes, 26 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A banda galega Ataque Escampe, da que temos falado nesta web para dar conta do partido que lle adoita a tirar á Rede para as súas estreas discográficas, volve ás andadas en Internet cun feixe de novas cancións para agasallar aos seareiros presentes e futuros. Unha vez máis, queda claro que a liña de Ataque Escampe é unha liña positiva perante os recursos que pon en xogo o dixital, moi distinta da que teñen defendido os grandes selos discográficos e as entidades de xestión de dereitos de propiedade. A estratexia de presentación e distribución que acompaña ao terceiro traballo do grupo, Violentos anos dez, apóiase en aproveitar a Rede para conseguir o que a fin de contas queren todos os grupos: que os escoiten. De feito, a partir deste mércores terémolo en descarga gratuíta na plataforma A Regueifa.
A maiores, como complemento comercial a esta presentación, a banda distribuirá nas tendas físicas e dixitais, a partir de mediados de maio, o seu novo traballo musical nun formato máis completo, en feitura digi-pack de edición limitada e cun tema extra. O seu novo traballo discográfico, o terceiro logo de Galicia es una mierda e A grande evasión, inclúe dez temas de “corte soul que falan dende unha perspectiva alegre e optimista da dramática situación actual de Galiza e do mundo, alzando a voz da negritude como métáfora das voces das persoas oprimidas do planeta”, sinalan os membros do grupo.

PUBLICIDADE