O novo iPhone podería adiantar o seu lanzamento ao mes de abril

mércores, 13 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Deseño conceptual do iPhone 4G baseándose na actual aparencia dos iMac

Aínda que faltan só 2 semanas para que Apple presente oficialmente o seu ordenador tipo tablet (ou iso parece) non cesa o ruxerruxe relativo a un posible nov iPhone, ao que polo momento chaman iPhone 4G (aínda que non contaría con conectividade móbil 4G) que finalmente suporía un salto adiante dende o iPhone 3GS, que fora unha decepción para moitos por incorporar moi poucas novidades con respecto do iPhone 3G (de feito, externamente son indistinguibles).
O novo iPhone 4G sería unha auténtica renovación do móbil de Apple, e en vez de agardar ao verán para o seu lanzamento, podería comezar a comercializarse en abril, mitigando así o posible éxito do Nexus One e outros móbiles con Android que sairán durante o primeiro semestre do ano.
Entre as novidades que incorporaría o iPhone 4G estaría unha pantalla OLED con maior contraste, brillo e ángulo de visión, menor consumo, procesador de dobre núcleo (posiblemente un Cortex-A9 de ARM capaz de achegarse aos 2 GHz), maiores capacidades gráficas e mellor cámara (finalmente con flash LED).
Segundo parece, o novo móbil tamén podería gozar dunha mellor resolución de pantalla grazas a que a nova versión do iPhone OS contaría con soporte para diferentes resolucións, en boa medida, para que poida utilizarse tanto para desenvolver aplicacións móbiles como para crear programas para o futuro tablet de Apple.
Sobra dicir que todas esta información corresponde ao capítulo de rumores, que parecen ser a especialidade da compañía de Cupertino, que podería ser a responsable de moitas das filtracións dos últimos días.

PUBLICIDADE