O novo iPad de Apple podería ser unha versión mini do iPad Pro

venres, 26 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 15 de marzo espérase que Apple presente a renovación de moitos dos seus produtos, sendo un dos máis agardados o novo iPad, sobre o que hai moitos rumores que parecen ir agora nunha única dirección grazas a que por fin escoitamos a versión de Mark Gurman, xornalista que nos últimos meses ten demostrado ter fontes de probada solvencia dentro da compañía de Cupertino, xa que as súas predicións pasadas eran practicamente filtracións posiblemente autorizadas pola propia Apple.
Gurman sostén que o vindeiro iPad non será un iPad Air 3, senón que teriamos un iPad Pro con pantalla de 9,7 polgadas, de xeito que esta tableta estaría dispoñible en dous tamaños diferentes, na liña do que acontece cos ordenadores portátiles de Apple (por exemplo, o MacBook Por ten modelos de 13 e 15 polgadas). Tamén detalla que o produto iniciaría a súa comercialización xa o 18 de marzo, e tería practicamente as mesmas prestacións que o iPad Pro con pantalla de 12,9 polgadas, incluíndo o soporte para o Apple Pencil e o Smart Connector (que facilitaría o uso dunha funda-teclado Smart Keyboard). Queda agora por ver se o prezo se achega ao dos actuais iPad Air, o que podería disparar as vendas de tables de Apple (moi erosionadas nos últimos meses).
Dende 9to5mac tamén se suman ao rumor de que Apple presentará o día 15 un iPhone 5se con pantalla de 4 polgadas e procesador A9, que buscaría atender a demanda de smartphones de tamaño compacto, por ter Apple detectado que non todos os seus usuarios atopan atractivo o incremento de volume iniciado polos iPhone 6 e 6 Plus.

PUBLICIDADE