O novo especial do portal galego Proxector recompila vídeos sobre o cambio climático

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) comezaron o ano subministrando novos contidos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de achegarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. Os novos contidos incorporados teñen que ver cun tema que nos preocupa e para o que cómpre xuntar forzas, de forma urxente e unánime, na procura dunha solución: o cambio climático. Quecemento global: ameazas e oportunidades é o título do novo especial de Proxector.
Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas deste fenómeno causado pola acción humana e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial da Acción fronte ao Quecemento Terrestre, que se celebrará o vindeiro 28 de xaneiro co fin de concienciar e sensibilizar sobre o cambio climático.
Para esta entrega de Proxector escolmáronse diferentes vídeos en que se explica que é o efecto invernadoiro, o quecemento global e a contaminación atmosférica ou como estes fenómenos afectan ao planeta e ás vidas dos seus habitantes. As consecuencias que o cambio climático ten para Galicia son o tema do documental Cambio climático: o reto do século XXI, mentres que a situación da contaminación atmosférica na nosa comunidade centra a peza divulgativa Conversas co ecoloxismo: Ramón Varela Díaz. Nela, o doutor en Ciencias Biolóxicas e presidente de ADEGA (1981 e 1996) reflexiona sobre a crise das industrias electrointensivas, o peche do ciclo das térmicas galegas, a transición ecolóxica, a emerxencia climática, a política forestal do país ou os incendios nos bosques.
Pola súa banda, o enxeñeiro químico Luís Díaz Allegue achega o desafío que supón o cambio climático para a seguridade alimentaria mundial no vídeo Cambio climático e sistema alimentario, no que alerta de que as mudas nas condicións de temperatura e humidade e nos padróns de precipitacións, así como os fenómenos meteorolóxicos extremos, afectan ás prácticas agrícolas e á calidade nutricional dos cultivos.
O especial compleméntase con tres pezas audiovisuais que profundan na filosofía da química verde e en como a reciclaxe do dióxido de carbono para a obtención de combustíbeis, o uso das enerxías renovábeis para a produción de hidróxeno verde ou o emprego deste elemento químico como fonte de alimentación dos vehículos modernos poden axudar a combater o quecemento global.

PUBLICIDADE