O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre a influencia dos hábitos alimentarios na saúde

martes, 9 de xaneiro do 2024 S. P.

Dieta e saúde alimentaria é o título da nova entrega do portal galego Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa USC. Nesta ocasión, escólmanse unha ducia de vídeos nos que especialistas de diferentes disciplinas, como a nutrición, a tecnoloxía dos alimentos ou a bioloxía, explican que produtos son beneficiosos para o ser humano. Ademais, desmenten algúns mitos e alertan das consecuencias que o abuso no consumo de certos alimentos ten para a dieta. Proxecto é un espazo web habilitado coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos.
A nova entrega de Proxector abre co vídeo Saúde e bos hábitos, no que o divulgador David Ballesteros incide na importancia de coidar a alimentación e realizar regularmente exercicio. A continuación, o audiovisual Nutrición e cancro de Antía Pérez Vázquez explica a conexión que existe entre o estado nutricional das persoas e o risco de padecer algúns tipos de cancro, ao tempo que indica como se poden mellorar os niveis nutricionais a través dunha dieta saudábel.
Tamén se inclúe un vídeo TED de Jen Gunter sobre a saúde dos ósos e unha pílula sobre como coidar o noso intestino da doutora Shilpa Ravella. A entrega inclúe tamén dúas pezas audiovisuais sobre a calidade dos produtos galegos: Gastro(E)Ciencia. Análise científica do produto galego, na que se reflexiona sobre a variedade de alimentos propios de Galicia, e Pan Galego con garantías, na que se achega o xeito tradicional de elaborar este produto, que conta dende 2018 co selo Indicación Xeográfica Protexida.
En Comer peixe na súa xusta medida explícase que, malia ser o peixe un alimento esencial na dieta, existen crenzas que xeran a desconfianza dos consumidores e consumidoras. Vén da man de Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos na USC. Pola súa banda, en Mesturas alimentarias, indixestas só na nosa cabeza alúdese a que non hai combinacións de alimentos que, dende o punto de vista sanitario, poidan ocasionar un perigo para a saúde.
A nova entrega afonda tamén nos perigos que ten eliminar certos alimentos da dieta. Sandra Román, técnica superior en Dietética, fala no vídeo A cultura anti-dieta arredor da necesidade de manter unha relación saudábel coa alimentación. Mentres, en Xaxún intermitente: unha dieta con beneficios e riscos aínda incertos, a profesora e investigadora en Nutrición da USC Rosaura Leis aborda os riscos que esta práctica pode ocasionar na saúde.
Completan o novo especial de Proxector un recurso audiovisual sobre o xeito en que se transmiten as enfermidades alimentarias e as medidas que se deben adoptar para evitalas, e outra peza sobre o consumo de azucre e os máis de 56 nomes diferentes cos que este glícido se agocha nas etiquetas dos produtos.
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con preto de 1.500 materiais publicados dunha trintena de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE