O novo director da ETSE de Santiago toma posesión oficialmente do seu cargo

luns, 23 de xullo do 2012 Redacción

O reitor da USC felicita a Antonio Mosquera e aos restantes membros da dirección do centro compostelán/ Foto de Santi Alvite

O profesor do Departamento de Electrónica e Computación Antonio Mosquera González tomou posesión este venres 20 do seu cargo de director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, sucedendo no posto a Juan Lema Rodicio, que ocupou a dirección dende 2003. O novo equipo de dirección compleméntanno Francisco Omil Prieto, do Departamento de Enxeñaría Química, como subdirector e Purificación Cariñena Amigo, do Departamento de Electrónica e Computación, como secretaria. A sesión protocolaria desenvolveuse no Salón de Graos de San Xerome presidida polo reitor Juan Casares.
A nosa aposta é e será sempre pola calidade” dixo Antonio Mosquera facendo referencia á traxectoria marcada polo centro nesta súa primeira década de vida, amosando que o futuro será á vez de continuidade e de constante renovación, pero sempre atendendo á calidade, que, “nun contorno con ofertas alternativas consolidadas é a única vía posible”. O novo director subliñou na dimensión docente as altas taxas de rendemento e de éxito do alumnado das titulacións da Escola, a “boa e rápida inserción laboral de titulados/as” ou o constante crecemento das enquisas de satisfacción do estudantado, aspectos que non deben facer esquecer que “aínda queda camiño por percorrer”. Sobre a actividade investigadora do centro, Mosquera fixo fincapé no historial impecábel da ETSE en materia de I+D, xa que, engadiu, estamos a falar dunha escola que produce, en porcentaxe, “o dobre do seu tamaño como centro”. E engadiu que o traballo que se desenvolve nos dous departamentos adscritos á ETSE, sitúaa no 20% superior no ránking de universidades españolas feito pola Universidade de Granada.
Antonio Mosquera
Profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación, é doutor en Física pola USC e ten recoñecido o Diploma en Docencia Universitaria da USC. É autor de publicacións en diferentes campos da docencia, incluíndo algunha en congresos sobre investigación en docencia en informática e organizador de diversas actividades e congresos de innovación docente.
No ámbito da investigación, leva vinte anos traballando no eido da visión por ordenador ademais de ter participado en mais de vinte proxectos e convenios, ao que se suma a publicación de vinte traballos en revistas especializadas e a súa participación en preto de cincuenta congresos da especialidade.

PUBLICIDADE