O novo álbum de Beyoncé arrasa co seu lanzamento en primicia en iTunes

martes, 17 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O pasado venres a cantante Beyoncé Knowles sorprendeu estreando directamente en iTunes o seu álbum BEYONCÉ, no que recolle 14 cancións e 17 vídeos, no que dan en chamar un “álbum visual” e que racharía marcas na tenda musical de Apple con 828.773 copias vendidas en 3 días, das que 617.213 corresponderían aos EE.UU., superando a actual marca da artista, que conseguira vender 541.000 copias do seu segundo álbum en 2006 ao longo dos seus primeiros 7 días.
Estamos ante unha curiosa xogada na que o formato descargable adiántase ao físico, aínda que con detalles como ter moitos contidos multimedia e non permitir a descarga individual de temas (o que claramente influíu no grande volume de vendas do disco enteiro) para buscar unha experiencia completa.
O curioso xeito de realizar este lanzamento conseguiu evitar filtracións, de xeito que foi toda unha sorpresa, conseguindo así un impacto moi importante, aínda que este éxito tamén ten a súa contrapartida, e o disco físico de Beyoncé, que espera saír á venda o vindeiro día 20, non vai estar dispoñible nas tendas da cadea Target, que negouse a distribuír o disco por mor da súa primicia dixital, por considerar que o feito de que o disco puidese mercarse antes en dixital reduciría considerablemente as súas previsións de vendas en soporte físico ata non compensar a súa comercialización masiva en CD. Pola contra, a cadea Walmart non porá atrancos á distribución do álbum, dando a impresión de que a política de Target é simplemente unha medida de presión para evitar que outros artistas de éxito aposten polos formatos descargables de xeito prioritario no futuro.

PUBLICIDADE