O novo acordo formativo entre o CPEIG e Igualdade quere chegar a 250 mulleres galegas

xoves, 4 de decembro do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de renovar o seu acordo coa Secretaría Xeral de Igualdade, un acordo encamiñado en boa medida a achegar formación TIC a mulleres a través da Rede Emprende. Estas actividades, fíxose saber na presentación da nova alianza, virán da man dos profesionais do propio Colexio e chegarán nesta segunda convocatoria a unhas 250 alumnas. O programa Rede Emprende en Igualdade, informa o CPEIG, é unha iniciativa que xorde da colaboración entre ámbalas entidades, ás que cómpre engadir a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Búscase, ante todo, loitar contra a fenda dixital de xénero na nosa terra, fornecendo ás mulleres de coñecemento básico e avanzado en materia TIC.
A iniciativa foi posta en marcha o ano pasado como experiencia piloto e brinda unha serie de cursos que comprenden un conxunto de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, na procura de emprego ou con arelas de formarse. O obxectivo, explican fontes do Colexio que preside Fernando Suárez, “é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual”. Achegando a parte formativa dos cursos atópanse as colexiadas e colexiados do CPEIG, como dixemos, encargándose de fornecer coñecemento e asesoramento nas seguintes materias: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.
Mulleres dos concellos de Ribeira, Padrón, Ferrol, Xermade, Burela, Celanova, Xinzo de Limia, Cuntis, A Estrada e Vilagarcía de Arousa poderán formarse ao abeiro de Rede Emprende. En total serán unhas 250 alumnas, 100 máis respecto á edición piloto. Os cursos, cunha duración de 20 horas, teñen un máximo de 25 alumnas cada un e celébranse na aula CEMIT existente no correspondente concello.

PUBLICIDADE