O novo Trivial Pursuit chega a YouTube

venres, 10 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O Trivial Pursuit é todo un clásico dos xogos de mesa que leva moitos anos mantendo a súa mecánica de xogo que incluso foi trasladada e distintos videoxogos con lixeiras modificacións, pero dende Hasbro atoparon unha fórmula que permite revitalizar o xogo mediante a incorporación de apostas no novo TRIVIAL PURSUIT: Bet You Know It, de xeito que, aparte de responder ás preguntas do xogo, os usuarios poderán apostar se alguén vai atinar ou non as respostas para sumar uns puntos que permitirán adquirir queixiños (que seguen a poderse gañar atinado as respostas pertinentes).
Para dar a coñecer a nova mecánica do xogo Hasbro optou por unha solución bastante imaxinativa: valerse de YouTube e as súas celebridades para permitir botar partidas en liña, mentres que as sesións de apostas quedan limitadas a preguntas que responderán os protagonistas de vídeo moi populares coma Charlie Bit My Finger, Chocolate Rain ou o Numa Numa.
A versión do Trivial Pursuit para YouTube chega así coma un interesante experimento no que o coñecemento e o azar xogan o seu papel, e sorprende o feito de que as preguntas aparezan en varios idiomas (entre os que está o español) polo que é de agardar unha importante participación internacional neste divertido xogo de taboleiro levado á Rede.

PUBLICIDADE