O novo Goberno de EE UU apoia á industria na súa cruzada contra a descarga ilegal de música

martes, 24 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Se a xustiza se move contra un home por terse baixado sete cancións por Internet, entón que lles pode agardar aos que declaran guerras contra países por mor de ameazas inexistentes) A resposta a esta pregunta, nun mundo ideal, sería a seguinte: caeríalle enriba todo o peso da lei. Pero a realidade é outra, tanto nun país incivilizado coma noutro teoricamente civilizado. E o máis fodido é que dá igual quen estea no poder: hai cousas que non cambian. Toda esta lea vén a conto porque o Goberno de Barack Obama semella estar dando sinais, polo menos no que a comportamento cos internautas se refire, dunha política abondo continuísta co seu predecesor á par que contrincante, George W. Bush. Segundo informa El Pais, isto é que se pode deducir do decidido apoio que está a amosar o Departamento de Xustiza actual do país cara aos intereses da Asociación da Industria Discográfica dos Estados Unidos (RIAA) nun caso concreto de mobilización de efectivos contra o que o que en opinión desta entidade, que sería a SGAE norteamericana, só pode entenderse coma un crime de envergadura.
Máis polo miúdo, ambas entidades estanse a posicionar decididamente nun preito contra un home do estado de Massachussets ao que acusan de terse descargado de xeito ilegal a cifra nada desprezable de sete cancións.
Tal ofensa aos alicerces da orde social non semella que vaia ficar impune: seguíndolle os pasos, o cidadán Joel Tannenbaum ten nada máis e nada menos que a Sony BMG, Warner Records, Atlantic, Arista e UMG Recording. Por certo que esta persecución non é nova: comezou en 2003 cando Tannembaum recibiu unha carta na que se lle acusaba de terse descargado música de xeito ilegal. O acusado, desexoso de rematar coa historia, ofreceulle á devandita fronte común da industria da música unha cifra de 500 dólares en compensación, cantidade que logo foi rexeitada. A día de hoxe, catro anos máis tarde e perante un proceso que semella non ter visos de chegar a bo porto (se isto é posible nun caso así), as ditas empresas teñen unha vez máis ao internauta contra as cordas: en pleno proceso xudicial e rexeitando unha cifra ofrecida de compensación tras outra.
Segundo sinalan fontes próximas ao caso, existe a probabilidade de que se lle esixa a Tannenbamum o pago de un millón de dólares.

PUBLICIDADE