O novo BiciCoruña suma preto de 1.200 altas dende a activación da web e a app do servizo

venres, 15 de xullo do 2022 S. P.

O Concello da Coruña vén de facer balance da actividade xerada até o de agora polo servizo de BiciCoruña, unha actividade ligada ao lecer, o deporte e á mobilidade pero tamén ao ámbito dos dispositivos electrónicos, xa que os móbiles dos usuarios son a “clave” para acceder ao servizo. Segundo fai saber o Consistorio, sumáronse neste nova andaina (unha andaina de “completa renovación”) 1.196 altas das que 300 se corresponden con novos usuarios. O martes 12 de xullo instaláronse as novas bicicletas nas diferentes estacións da cidade e activouse a nova páxina web (bicicoruna.gal) e a nova aplicación móbil. “Desde entón”, informou o Concello, “o servizo recibiu numerosas altas, atraídas pola incorporación das bicicletas eléctricas”.
O Goberno local tamén lembra que nesta nova andaina foi instalado un punto de información permanente na estación de BiciCoruña do Obelisco e que persoal de EMVSA percorre de maneira itinerante o resto de estacións para resolver dúbidas das persoas usuarias. Ademais, o Concello tamén reforzou as súas redes sociais neste sentido para atender de maneira instantánea á cidadanía.
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, confirmou que a vindeira semana comezará a instalación de oito novas estacións de BiciCoruña. Trátase de Durmideiras, Mestranza, Cidade Escolar, Orillamar, Rolda de Nelle, Picavia, Ágora e Parque do Agra. Está previsto que antes de finalizar o ano sexan 55 as estacións dispoñíbeis para a cidadanía. O edil lembrou igualmente que se atopa dispoñíbel a aplicación móbil PBSC (Public Bike System Company) tanto en Android como iOS. Nela deberemos seleccionar como servizo BiciCoruña e atoparemos “todas as indicacións necesarias para retirar bicicletas e información de utilidade como a dispoñibilidade de bicicletas nas estacións”, sinalou.,
O concelleiro destacou tamén que os usuarios que xa estaban operativos co sistema anterior sumaránselle á súa data de caducidade 52 días: 30 días polo tempo que estivo parado o servizo, 15 días de compensación por ese parón e 7 días máis para poder facer a migración.
O novo sevizo BiciCoruña
A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. As novas bicicletas eléctricas superarán en cifras o total que había en circulación ata o de agora. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. Trátase de “estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo”, en palabras do Concello.

PUBLICIDADE