O noso tecido TIC tende novas pontes cos sectores do móbel, alimentación e téxtil

martes, 14 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Hoxe a Cidade da Cultura acolleu o establecemento de novas e firmes ligazóns para estreitar o traballo colaborativo entre o sector TIC galego, por unha banda, e os sectores téxtil, alimentario e madeireiro, pola outra. Foi no marco da Xornada Plans de Sistemas Sectoriais, que organizou o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) en colaboración co Cluster TIC Galicia. Nesta actividade, inserida na Axenda de Competitividade Industrial, presentáronse as conclusións recollidas nos plans para cada sector e acolleu, tamén, unha mesa redonda cos representantes dos ditos tecidos produtivos. Entre as principais conclusións figurou a seguinte: cómpre xuntar forzas para establecer máis e mellores sinerxías e vínculos entre as empresas. A xeito de exemplo e de primeira pedra do edificio a construír, a xornada serviu (en si mesma) para asentar ligazóns TIC-téxtil-madeira-alimentación.
No encontro participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que foi o encargado de dar a coñecer algunhas das principais conclusións dos estudos previos sobre a potencial sinerxía intersectorial galega. Conde avogou ante todo por apostar polas persoas, os traballadores, para que poidan tirar proveito das novas tecnoloxías nos seus procesos produtivos e, tamén, para mellorar estes procesos. Fixo tamén un chamamento a prol da formación: “Necesitamos non só enxeñeiras, enxeñeiros, graduadas e graduados, senón tamén persoal técnico”. Na súa opinión, se ben é grande o potencial dos devanditos tres sectores para tirar o máximo partido dos achados e desenvolvementos do noso tecido TIC, tamén é verdade que arestora teñen un diferente nivel de implantación tecnolóxica nos seus respectivos seos: no alimentario a taxa de penetración das ferramentas tecnolóxico-dixitais é do 60%, no téxtil do 47% e no móbel (madeira) do 13%.

O conselleiro de Economía presentou no Gaiás os Plans de Sistemas Sectoriais

Segundo fixo saber, o pulo transversal do sector TIC (a influencia lateral do tecido dixital cara aos restantes eidos produtivos cos que comparte escenario económico e xeográfico) é “clave para adaptar os sectores estratéxicos galegos á revolución tecnolóxica da Industria 4.0”. Conde tamén avanzou a posta en marcha dun programa de apoio para as Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) encamiñado a “fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios”.
O programa, dixo Conde, inclúe tres tipos de axudas. As primeiras están destinadas á creación directa de emprego estábel, dotadas con entre 6.000 e 9.000 euros; a segunda tipoloxía é para apoiar para a contratación de persoal técnico de alta cualificación que terá como límite máximo a contía de 18.000 euros. E a terceira liña busca a posta en marcha de proxectos empresariais con axudas dun máximo de 24.000 euros.
Os Plans Sectoriais, engadiu, “analizan polo miúdo o potencial e as necesidades de mellora competitiva que as TIC poden achegar ás empresas galegas en materia de conectividade, a dixitalización, o Big Data, e a Internet das Cousas”.
Tamén lembrou que os tres sectores obxecto do informe, sumados ao eido TIC, teñen uns destinatarios directos de preto de 9.000 empresas.

PUBLICIDADE