O noso sector amosa o seu potencial perante os mercados latinoamericanos da man do Clúster TIC

mércores, 3 de decembro do 2014 Redacción

O Clúster TIC Galicia subiu os días pasados un novo chanzo na escaleira da internacionalización das súas empresas. Falamos da Primeira Misión Comercial Inversa organizada polo Clúster, unha experiencia que segundo a organización galega que preside Antonio Rodríguez del Corral “foi todo un éxito” na súa vontade de abrir as portas do noso sector aos mercados latinoamericanos. Como lembraremos, a Misión desenvolveuse entre os días 27 e 30 de novembro e trouxo a Galicia a representantes de nove entidades procedentes de Brasil, Uruguai, Chile, Panamá e Honduras. Estas entidades pertencen aos sectores da telefonía, a televisión, os servizos de Internet, a xestión hospitalaria, o hardware, o software e a consultoría.
Ao longo de catro xornadas, os representantes destas firmas obtiveron, en palabras do Clúster, “unha visión ampla e actualizada da economía galega e das potencialidades do seu sector das TIC, ao tempo que participaron en actividades de networking con empresas pertencentes ao Clúster”. Segundo engade a organización, as previsións de traballo futuro non poden ser mellores. “Á vista da excelente receptividade mostrada pola delegación latinoamericana”, explica o Clúster, “este encontro ha de supoñer un primeiro paso para que se establezan relacións comerciais que permitirán ás empresas TIC galegas participar en licitacións, atopar socios tecnolóxicos e acadar acordos comerciais con firmas e entidades daquel continente”. Como dixemos, a Misión insírese no eixe da internacionalización e fomento da exportación, prioritario no Plan Estratéxico do Clúster TIC Galicia.
O programa de actividades abrangueu visitas institucionais aos concellos de Santiago de Compostela e A Coruña, onde os participantes na Misión coñeceron o desenvolvemento de Coruña Smart City, a xuízo do Clúster “un dos proxectos TIC emblemáticos que se están a desenvolver na Comunidade Autónoma”. Tamén tiveron ocasión de coñecer as liñas de traballo das entidades galegas de referencia en I+D+i e proxectos en sanidade dixital e en innovación multimedia, “áreas nas que Galicia está na punta de lanza da innovación internacional”, engaden fontes da plataforma galega.
Nestas xuntanzas desenvolvidas en Santiago e Coruña, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC, incidiu “na modernidade da economía galega”, destacando o papel dos centros tecnolóxicos no seu apoio á innovación empresarial, a alta cualificación da man de obra especializada e as excelentes comunicacións marítimas, aeroportuarias, e a través de fibra óptica. Ante os representantes latinoamericanos, del Corral salientou tamén “que o sector TIC representa o 2% do PIB galego, cun volume de negocio de 2.290 millóns de euros, e resaltou que dous centenares de empresas realizan actividades intensivas en I+D+i”.
A primeira Misión Comercial Inversa do Clúster TIC Galicia contou con cofinanciamento do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da liña de axudas a organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas. A iniciativa alíñase coa política de clústers que se impulsa dende a Unión Europea.

PUBLICIDADE