O noso sector TIC amosará á industria téxtil o seu potencial no Centro Demostrador de Santiago

martes, 26 de febreiro do 2013 Redacción

Dentro da iniciativa Semanas TIC Sectoriais que está a promover a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a través do seu Centro Demostrador TIC insírense unhas primeiras xeiras de traballo, a desenvolver na recta final de marzo, que con toda seguridade terán prolongación noutras semanas xirando arredor de outras áreas produtivas. Estas primeiras xeiras tratarán sobre o sector téxtil, facéndose fincapé no potencial que as nosas empresas tecnolóxico-dixitais poñen e poden pór ao seu servizo. Máis polo miúdo, o que se quere é achegar un punto de encontro entre as firmas TIC e as do téxtil. Esta fórmula é aplicábel a tódolos demais sectores e semanas. A cita da que estamos a falar está prevista para os vindeiros 20, 21 e 22 de marzo.
Nesta I Semana TIC sectorial adicada ao sector téxtil de Galicia buscaranse novas fórmulas e metodoloxías para achegar a nosa oferta tecnolóxica ás áreas produtivas galegas do ámbito da moda, poñéndolles á súa disposición unha escolma de provedores e solucións de especial utilidade. Asemade, afrontaranse en común os retos de futuro pendentes na aplicación das novas tecnoloxías no ámbito da industria téxtil galega. Para participarmos activamente neste evento, é preciso que nos rexistremos no MapaTIC.gal e logo achegar os nosos datos (información de empresa e solucións tecnolóxicas de interese para a vindeira Semana Sectorial) antes de que remate este martes 26 de febreiro. A partir dos datos inseridos no MapaTIC.gal, elaborarase o Catálogo de Provedores e Solucións Tecnolóxicas para o Téxtil, que será presentado o vindeiro 20 de marzo.

PUBLICIDADE