O niño da Tecnópole recibe novos inquilinos e salienta o labor das saíntes MeigaLabs e IbeeAgro

mércores, 20 de abril do 2016 Redacción

Onte presentáronse na Tecnópole as iniciativas gañadoras da edición 2016 dos Premios INCUVI-Emprende e INCUVI-Avanza: máis polo miúdo as gañadoras do Campus de Ourense (Universidade de Vigo). Trátase de catro iniciativas procedentes, sobre todo, dos ámbitos TIC, da dinamización cultural e da innovación posta ao servizo agricultura. As catro propostas premiadas son unha aplicación social enfocada ao sector servizos (Eixovisión-Proxecto Barbook); unha cooperativa de programas e actividades de lecer e tempo libre saudábel e en galego (Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia); unha empresa de comercialización de produtos do campo galegos de calidade (A Orixe), e unha proposta de ecoagricultura, de creación de alternativas ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos (Enviroverde). Dende este mes ocupan o seu niño na Tecnópole.
Lembrar que estes acubillos estaban ocupados, até o de agora, polos proxectos gañadores da última edición: MeigaLabs, enfocado ao deseño e desenvolvemento de videoxogos, e IbeeAgro, de tecnoloxía de seguimento agrícola. Estas novas firmas, ao abeiro da primeira edición dos premios, trasládanse agora ao Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) para “rematar o seu proceso de maduración empresarial” e saír xa ao mercado.
Como dixemos, a presentación dos proxectos ourensáns que resultaron gañadores nas dúas categorías de premios celebrouse este martes na Tecnópole. O acto contou coa participación dos representantes das entidades promotoras e colaboradoras nestes galardóns. Deste xeito, ademais de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; e Ricardo Capilla, director de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, estiveron Juan Carlos Parada, presidente da Cámara de Comercio de Ourense; Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense; Xosé Antón Vila, director do CITI; Ana Méndez, vicepresidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense; Emma González, directora adxunta e secretaria da Fundación Expourense, e os promotores dos proxectos seleccionados e premiados.

MeigaLabs recibindo o seu diploma da man dos organizadores do certame

Ademais, os gañadores dos primeiros Premios INCUVI-Avanza recolleron os seus diplomas. O proxecto Meigalabs, de José Antonio Tesouro, Xabier Losada e Javier López, estase consolidando como estudo de desenvolvemento especializado en servizos de gamificación, apps e videoxogos para plataformas móbiles, acadando, segundo fixeron saber, máis de 500.000 descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker. Pola súa banda, iBeeTel Solutions, centrada en servizos de enxeñaría software e hardware, está a ultimar o seu proxecto iBeeAgro, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola que optimiza a produción e asegura aos produtores a calidade e a eficiencia de recursos.
Os proxectos galardoados na quinta edición do certame, que se incorporan agora á Preincubadora Tecnópole-Universidade de Vigo, son Eixovisión; Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia; A Orixe e Enviroverde. Eixovisión-Proxecto Barbook é unha aplicación social enfocada ao sector servizos. Con ela Alberto J. Chousal, Alejandro Montero e Redouane Mehdi queren facerse un oco no mundo das aplicacións web que potencian a interacción entre persoas. Cara a este tipo de contacto favorecido polo tecnolóxico-dixital pero a través “dunha metodoloxía moi diferente e cuns obxectivos específicos” diríxese a Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia, de Rita Carreira, Lucía González, Belén Martínez e Carla L. Mendes. Mediante a fórmula cooperativista, estas emprendedoras do eido social e educativo procuran “un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudábel fóra do consumismo e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galegas”.
Pola súa banda, Sergio Martínez, Sandra Rodríguez e Rubén Rodríguez son os promotores de A Orixe, un proxecto comercial enfocado ao acondicionamento, envasado, distribución e comercialización de produtos agrarios de calidade diferenciada, de xeito especial do pemento de Arnoia. Pola súa banda, Enviroverde é unha iniciativa de Miguel Pinal Trashorras que se dirixe a procurar a creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos, así como aos usos intensivos do solo, “facendo unha consideración do campo non só dende un punto de vista produtivo senón tamén como un todo onde se teña en conta tamén o entorno que o rodea”, fixo saber o seu impulsor.

PUBLICIDADE